Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame porá en valor a contorna da capela de San Lourenzo


Unanimidade do pleno ao solicitar un reforzo da vixianza da Garda Civil no municipio debido aos roubos sufridos nos últimos meses

O pleno municipal de Lousame autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Lousame e a Comunidade Veciñal de Montes en Man Común de Abeixón-Carantoña para a posta en valor de algo máis de 96 hectáreas da contorna da capela de San Lourenzo.

Teresa Villaverde explicou que “é unha cesión temporal por un periodo de 10 anos nos que o Concello de Lousame porá en valor esa zona, onde hai unha capela, un sobreiral, unha formación granítica e unha área recreativa. Pretendemos eliminar as especies invasoras, plantar frondosas e deixalo todo en boas condicións para previr lumes forestais, protexendo así o noso patrimonio natural e cultural”. Unha proposta presentada como moción de urxencia pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e que foi respaldada polos 10 votos de PP, PSOE e BNG, coa abstención do Partido da Terra.

Relacionadas coa conservación e posta en valor do patrimonio natural e cultural lousamiano tamén estaban as tres mocións presentadas polo BNG, que foron aprobadas por unanimidade. A primeira delas solicitaba a recuperación do acceso á capela de San Lourenzo polo camiño vello, mentres que a segunda pide actuacións de limpeza no camiño cara as minas de San Finx seguindo o río. O voceiro municipal do BNG, Amador Turnes, salientou que “o sendeirismo está en auxe e en Lousame temos boas zonas”.

A terceira moción nacionalista, na que se pedía a recuperación e sinalización como ruta de sendeirismo das escaleiras de Tállara a Guiende, foi modificada no pleno como moción conxunta de todos os grupos municipais xa que, como indicou Teresa Villaverde, “primeiro hai que presentar a proposta ante Patrimonio para que nos diga como podemos actuar sobre este elemento”. Por iso, o pleno aprobou por unanimidade iniciar un estudo sobre o valor patrimonial das escaleiras de Tállara a Guiende e xestionar ante a Dirección Xeral de Patrimonio a protección deste ben, previo á realización de actuacións para a súa posta en valor.

Roubos

Así mesmo, o grupo de Goberno tamén sacou adiante, nesta ocasión por unanimidade, outra moción urxente para solicitar un reforzo do servizo de vixianza da Garda Civil en Lousame. “Nos últimos meses temos sufrido abundantes roubos no concello, tanto nas instalacións municipais como a particulares, polo que pedimos unha vixianza máis intensa”, explicou a alcaldesa quen indicou que “estes roubos supoñen un prexuizo moi considerable para as arcas municipais”. Así, entre os últimos roubos figuran cableado en distintos puntos do municipio, desbrozadoras, gasóleo, material da piscina municipal e do campo de Cabanetán…

Pola súa banda, o BNG presentou unha moción urxente de condena da ditadura franquista, “especialmente cando hoxe se cumpren 80 anos dun golpe de Estado e do inicio dunha cruenta represión que levou ao asasinato de máis de 5.000 persoas”. A moción, aprobada por unanimidade, insta ao Concello de Lousame a condenar a ditadura franquista, promover actuacións de recuperación da memoria histórica, realizar unha homenaxe a cargos públicos vítimas da represión e eliminar toda simboloxía franquista no municipio.

A alcaldesa Teresa Villaverde, que amosou a súa “decidida condena á ditadura franquista e, en xeral, a todas as ditaduras”, explicou que en Lousame non hai simboloxía franquista que eliminar e que xa se están promovendo actuacións de recuperación da memoria histórica, como a realizada esa mesma mañá para a instalación dun monumento de recoñecemento ás vítimas da represión franquista no Confurco, da man da Comisión pola Recuperacion da Memoria Histórica do Barbanza.

Transporte escolar

A moción máis debatida foi a presentada polo PsdeG, cuxo voceiro Julio Paradela denunciaba que “o transporte escolar do CPI Cernadas de Castro non se achega a moitos sitios e moitas familias se ven obrigadas a estudar noutros lugares” e instaba ao Concello a “arranxar a situación e facilitar a escolarización en Lousame”. Unhas afirmacións que motivaron que a alcaldesa de Lousame puntualizara que o Concello pode mediar e axudar ás familias pero non ten competencia algunha sobre o transporte escolar e que instara ao voceiro socialista a especificar cantos eran eses “moitos sitios e moitas familias”. Tras varias intervencións, finalmente establecéronse que eran dous casos: Albariza e Arxellas.

“Albariza pertence a Noia. O transporte público escolar se organiza por zonas educativas que non teñen que coincidir cos concellos. Por exemplo, dúas aldeas de Noia veñen a Lousame”, explicou a alcaldesa, quen tamén puntualizou que “en Camboño os alumnos van a outro centro por proximidade. Reuninme no local social de Camboño coas familias cuxos nenos van a Portosín e hai un rechazo total a ese cambio. Só hai tres familias interesadas en vir a Lousame e xa fixemos a xestión para que poidan vir ao CPI Cernadas de Castro, pero terían que trasladarse ata a parada máis próxima en Merelle”.

Tras un longo debate, finalmente todos os grupos acordaron por unanimidade que o Concello de Lousame seguirá a facer as xestións pertinentes ante as Administracións competentes para intentar artellar un sistema a curto prazo que facilite o acceso ao CPI Cernadas de Castro.

Modificación de crédito

No que atinxe á parte dispositiva da sesión plenaria, na que non participou o concelleiro do Partido da Terra (que se sumou á sesión na quenda de mocións), aprobouse unha modificación de crédito de 34.477,96 euros para pagar facturas pendentes, así como un recoñecemento extraxudicial de crédito financiado con esa mesma modificación. Ambas foron aprobadas cos 6 votos do PP e as 4 abstencións de PSOE e BNG.
Finalmente, o pleno aprobou a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo público do Punto de Atención á Infancia, para adaptala aos prezos do Decreto de Copagamento dos Servizos Sociais da Xunta de Galicia. O acordo foi aprobado cos 7 votos a favor de PP e BNG e coas 3 abstencións do PSOE, que pedía a gratuidade do servizo e que o seu custe fose asumido pola Xunta.