O novo equipamento será de uso compartido co colexio de Infantil e Primaria Raquel Camacho
O Concello saca a concurso a construción dunha pista polideportiva no Instituto de Educación Secundaria (IES) Agra I e que será de uso compartido co Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Raquel Camacho. Dentro do plan de mellora dos equipamentos educativos da cidade,
a Concellaría de Educación licita este proxecto por 94.859 euros e un prazo de execución máximo de 4 meses.
As obras proxectadas consisten na reorganización dos patios doCEIP Raquel Camacho e do IES Agra I tras a próxima apertura da nova Escola Infantil Municipal (EIM) do Agra do Orzán, na parcela situada na esquina das rúas Alcalde Liaño Flores e Antonio Pedreira Ríos. O Concello avaliou as necesidades máis importantes tras reordenar e adaptar os patios existentes á construción da nova escola infantil.
O proxecto comprende a realización da pista polideportiva -de uso compartido para ambos os dous centros (IES e CEIP)- e o seu equipamento, muretes perimetrales de contención e pavimentación con aglomerado do resto do patio afectado por estas obras. Sobre unha parcela de 827,80 metros cadrados situada no instituto, o Concello executará esta nova infraestrutura polideportiva.
Esta obra é a segunda fase dentro do proxecto urbanización da parcela do CEIP Raquel Camacho. A Concellaría de Educación ten practicamente finalizada a primeira fase, que se desenvolve no CEIP Raquel Camacho. Así, sobre unha superficie de 1.298,7 metros cadrados, o Concello realizou a impermeabilización do patio que forma a cuberta dos vestiarios, o soportal cuberto da fachada do comedor, a substitución do pavimento de caucho da zona de xogos infantís, a pavimentación do patio interior, a retirada do muro de contención da zona do polideportivo do IES para aproximalo á beirarrúa perimetral do propio polideportivo, e o peche definitivo da parcela entre o instituto e o colexio de Infantil e Primaria. Proximamente, tamén se instalarán os xogos infantís que se substitúen axustándose ás normativas de seguridade e pintaranse outros no novo pavimento.