A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o alcalde de Coirós asinaron hoxe o convenio de colaboración para a posta en marcha desta actuación
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela, asinaron o convenio de colaboración que permitirá mellorar o saneamento nesta localidade. Esta actuación terá un orzamento duns 200.000 euros, cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
En concreto, os traballos consistirán nunha nova rede de saneamento no núcleo rural de Cobelo-A Costa, na parroquia de Santa María de Ois, para o que se construirán varios ramais de saneamento cunha lonxitude total duns 700 metros.
A conselleira fixo fincapé en que este tipo de colaboracións entre a Xunta e os concellos garanten a subministración de auga en calidade e cantidade á cidadanía e dan cumprimento á Directiva Marco da Auga; axúdase ás entidades locais a mellorar a rede de abastecemento secundaria; e garántese o abastecemento e regulación dos recursos hídricos en calidade e cantidade coa realización das obras de infraestrutura necesaria, velando así mesmo polo seu consumo responsable e fomentado o seu aforro.