Saturday 16 de November de 2024

A Xunta garantirá o nivel de ingresos pola xestión de envases na planta de Nostián no marco do convenio con Ecoembes


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, mantivo unha xuntanza co alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, para analizar o novo acordo marco que se asinará entre a Xunta e Ecoembes

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladou ao alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, o compromiso do Goberno galego de garantir o nivel de ingresos que recibe a planta de Nostián pola xestión de envases no marco do convenio con Ecoembes (único sistema integrado de xestión de envases e residuos en España).

A través deste compromiso, a Xunta evitará unha baixada de ingresos na planta durante os próximos anos -e, polo tanto, no concello da Coruña como titular da instalación-, derivada da baixa eficiencia na valorización de envases en Nostián.

En concreto, a Xunta ten previsto destinar 600.000 euros nestas instalacións para incrementar as súas ratios de recuperación, optimizando así a xestión dos envases e evitando, polo tanto, a redución da achega que Ecoembes realiza ás plantas recicladoras.

Este acordo será ratificado dentro do convenio marco que asinarán a Xunta e Ecoembes, e no que se incluirá unha cláusula para garantir a Nostián ingresos similares aos de 2015 pola recuperación de envases, no caso de que os investimentos na planta non sexan eficaces.

Segundo destacou Mato, este compromiso constitúe unha “decisión importante” que evitará un problema a maiores para a planta e o concello, que xa ten que facer fronte a outras situacións, como a do seu vertedoiro.