A concelleira de Cultura, Sabela Cinza, asinou hai uns días na Coruña o convenio da Rede Cultural da Deputación mediante o que San Sadurniño programará oito espectáculos de música, danza e teatro. O convenio, cun importe de 16.000 euros, destinarase a eventos culturais organizados polo Concello, pero tamén a aqueles organizados polas entidades do municipio e polo colexio público. A maioría das actuacións aínda non teñen data fixa, agás as que se incluirán no II Sons da Cortiña, que este ano se celebrará na tarde do domingo 28 de agosto.
O convenio estrutúrase en catro apartados: grupos non profesionais, danza profesional e outras actividades, música profesional e teatro e monicreques. No primeiro deles, o dos grupos amadores, San Sadurniño contará coas actuacións do Teatro Escola de Narón coa obra “2021 Unha odisea na Terra” e da agrupación musical Los Trasnochadores del Eume.
En canto a representacións teatrais, o convenio recolle pezas para distintos públicos. Así, VerdeVeras traerá para a rapazada “Un lugar chamado mundo” e Magín Blanco volverá a San Sadurniño con “A Nena e o grilo nun barquiño”. Para público adulto teremos o espectáculo de Culturactiva “Falar sen cancelas” e “A herdanza”, da compañía Malasombra.
Dúas das actuacións con máis tirón de público están reservadas xa para o II Sons da Cortiña, que se celebrará o domingo 27 de agosto. Ese día subirán ao escenario Familia Caamagno e The Lákazans, dous estilos musicais ben distintos que se programan como continuación da Feira Rural do sábado e no marco dunha xornada que ofrecerá múltiples actividades para a mocidade.
O importe total das actuacións ascende a 16.057,50€, dos que o Concello achegará algo máis de 4.000 euros mentres que a contía restante irá con cargo á Rede Cultural xestionada pola Deputación da Coruña.