A actividade, organizada co apoio de Turismo de Galicia, é parte da programación especial do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou na inauguración do curso de verán ‘IX Leccións Xacobeas Internacionais: a hospitalidade no Camiño de Santiago’, organizado pola Universidade de Santiago de Compostela co apoio de Turismo de Galicia.
Durante a súa intervención, Rafael Sánchez subliñou a hospitalidade como elemento referencial da cultura xacobea e o papel do Camiño tanto como expresión de valores coma na construción de Europa.
A actividade desenvólvese en Compostela ata o vindeiro venres, 22 de xullo, e abordará o Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, a hospitalidade do Camiño de Santiago e os seus albergues e as últimas investigacións xacobeas. Ademais, o venres, para pechar os actos, os asistentes realizarán un treito do Camiño Francés, visitando o patrimonio do contorno da Ruta e coñecendo as lendas e os paraxes naturais.
Ao longo das xornadas que dura o evento participarán prestixiosos estudosos e profesores de universidade relacionados co Camiño, procedentes de centros e entidades de diversos puntos de España e incluso de países como Portugal ou Italia.
Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
Este curso está enmarcado nas actividades programadas con motivo do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o 20 de novembro de 2016.
Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo.
Por este motivo, dende Turismo de Galicia púxose en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante.
Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos e conferencias, ademais de programas culturais e concertos, conferencias, programación musical como ‘Música no Camiño’ ou o ciclo ‘Cultura no Camiño’.