Friday 22 de November de 2024

Os clientes do centro comercial aberto Os Mallos, na Coruña, poden escoller o seu comercio favorito e conseguir agasallos coa campaña Máis que comercio!


 

O comercio máis votado recibirá un recoñecemento público ao seu labor

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, presentou a campaña de dinamización comercial Centros Comerciais Abertos. Máis que comercio!, que se desenvolverá en novembro no centro comercial aberto Distrito Mallos, na cidade da Coruña, e que busca impulsar as vendas do comercio de proximidade premiando a confianza dos seus clientes. Na súa comparecencia, estivo acompañada polo presidente da entidade, Alejandro Salgado, e o presidente da Federación Provincial de Comercio, Miguel Agromayor.

As persoas que merquen nos comercios asociados a este CCA recibirán durante todo o mes un cupón por cada 5€ de compra, o que lles permitirá participar nun xogo en liña na web www.maisquecomercio.com. Nesta páxina, votando ao seu establecemento favorito, poderán optar a unha tarxeta regalo de 200 euros e dúas de 100 para mercar no comercio local, así como a diferentes agasallos. Ao remate do mes, o establecemento seleccionado en Distrito Mallos polos clientes que participen na iniciativa recibirá un recoñecemento público ao seu labor.

A iniciativa da Consellería de Economía e Industria Centros Comerciais Abertos. Máis que Comercio! está a percorrer os diferentes centros comerciais abertos de Galicia durante todo o ano, co obxectivo de resaltar os valores do comercio de proximidade como a calidade, o trato ao cliente, a diferenciación e a variedade.

Ao mesmo tempo, tal e como sinalou a delegada territorial, destácase o traballo que desenvolven os centros comerciais abertos, unha fórmula que permite, desde o asociacionismo, o desenvolvemento de estratexias comerciais e a prestación de servizos de forma conxunta no pequeno comercio para mellorar a súa competitividade.

Lembrou Do Campo que o impulso ao asociacionismo é un dos eixos da estratexia específica da Xunta de Galicia de apoio ao comercio de proximidade, dentro da cal este ano aprobou axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, coas que o Goberno galego apoia un total de 14 centros comerciais abertos na provincia –tres deles na cidade da Coruña: Distrito Mallos, Rúa Barcelona e Zona Comercial Obelisco con 33.000 euros cada un- cunha achega de máis de 470.000 euros.