A iniciativa ten un bloque práctico, orientado a simular situacións operativas típicas que permitan verificar in situ as capacidades de comunicación e coordinación
A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) celebrou unha nova xornada formativa sobre a Rede Corporativa de Comunicacións Móbiles Dixitais de Emerxencias e Seguridade de Galicia (RESGAL), que contou coa asistencia de máis de 80 profesionais pertencentes a servizos municipais e supramunicipais con competencias en materia de emerxencias e seguridade.
Esta xornada da continuidade á celebrada o pasado maio, coincidindo co acto de entrega de 239 terminais por parte do vicepresidente da Xunta a 94 concellos adheridos a RESGAL, e vén a complementar e reforzar os contidos xa impartidos naquel entón cun enfoque eminentemente práctico.
Nese sentido, a actividade busca reforzar e ampliar a información teórica, poñendo foco en describir o manexo dos terminais e resolver dúbidas tras dous meses da entrega e impartición da anterior xornada; ademais vai impartir un bloque eminentemente práctico, orientado a simular situacións operativas típicas que permitan verificar in situ as capacidades de comunicación e coordinación.
Empregando os seus propios terminais, xunto con outros propiedade de Axega e Retegal configurados nun entorno de demostración especialmente deseñado a tal fin, os asistentes poderán comprobar, e evidenciar de primeira man, as capacidades de comunicación soportadas pola rede e os plans de implantación e numeración desenvolvidos para as entidades locais, aliñados coa súa operativa e co Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA).
Así mesmo, contando coa participación do persoal da Axega/112, simularanse distintos escenarios e situacións operativas típicas: Comunicacións en modo rede: individuais, de grupo e de emerxencia; Comunicacións en modo directo; Perfís e grupos de comunicación definidos: a nivel de flota, concello e interflota; e Funcionalidades Repeater e Gateway e recomendacións de uso en situacións operativas típicas.
Un único sistema de comunicacións
Hai que lembrar que RESGAL integra, por primeira vez en Galicia, nun mesmo sistema de comunicacións a todos os colectivos que participan na resolución das emerxencias. Unha rede única para facilitar unha intervención máis efectiva e eficaz dos efectivos implicados e simplificar as tarefas de coordinación entre eles.
En RESGAL estanse a incorporar de xeito progresivo todos os efectivos de emerxencias de Galicia, desde bombeiros a policías, pasando por voluntarios de protección civil, GES, mancomunidades e consorcios provinciais de bombeiros, que veñen a sumarse aos corpos de emerxencia e seguridade da Administración Autonómica: Axega,Policía Autonómica, 112, Servizos de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) e 061.
Máis de 120 entidades adheridas e 600 terminais
A día de hoxe xa hai máis de 120 entidades locais e supramunicipais adheridas a RESGAL, que suman preto de 600 terminais activados, estando previsto acadar os 799 en próximas datas, unha vez se culmine o plan de incorporación e implantación dos consorcios provinciais de bombeiros de A Coruña e Lugo.
Esta nova xornada formativa responde ao interese da Xunta por redobrar o seu investimento en medios materiais e capacitación do persoal para contar cunha Galicia mellor preparada fronte ás emerxencias e, polo tanto, máis segura para a cidadanía.
Tecnoloxía de última xeración
RESGAL emprega tecnoloxía TETRA, a máis punteira para este tipo de comunicacións, que garante a súa dispoñibilidade cando o resto de redes de telefonía móbil se colapsa, posibilita a xeolocalización en tempo real a posición de todos os dispositivos de emerxencia, os envíos de sms a persoas ou grupos, a consulta de bases de datos ou a gravación de conversas e o encriptado das comunicacións, garantindo a súa confidencialidade.
A Administración autonómica adquiriu máis de 5.316 terminais dos que 3.592 xa están plenamente operativos e activados na rede.
Cobertura e investimento
A nova rede dixital está xa operativa en todo o territorio cunha cobertura do 84 por cento do territorio e o 94 por cento da poboación, de xeito que, garantirá un alto grao de cobertura nas principais zonas urbanas nas principais vías de comunicación, portos, aeroportos e zonas industriais de especial risco e zonas rurais.
Ademais, conta cunha estación base transportable, que poderá ser empregada para para un despregamento rápido de cobertura nunha zona de sombra ou aumentar a capacidade ante un evento que xere un incremento exponencial das comunicacións dos servizos de emerxencia e seguridade.
Na creación desta nova rede de emerxencias aproveitáronse infraestruturas de telecomunicacións implantadas no marco do I Plan de Banda Larga da Xunta e as redes do operador público Retegal, o que permitirá un aforro de 37 millóns de euros en dez anos respecto ao uso de redes comerciais.