A Concellería de Persoal e Seguridade de Fene, coa colaboración da empresa Previnem, organiza unha charla sobre procedementos de solicitude e medidas de seguridade, dirixida aos membros das comisións de festas. A xornada terá lugar o vindeiro xoves día 21 de xullo, ás 19:00 h na Aula de Cursos do Departamento de Cultura e Ensino (Avenida de Naturais, 44, entresollado).
Segundo adianta a edil de Seguridade de Fene, Sandra Permuy, con esta xornada formativa preténdese informar aos membros das comisións de festas sobre os procedementos a seguir para solicitar as correspondentes autorizacións municipais así como as medidas de seguridade a observar á hora de organizar festas parroquiais e/ou gastronómicas, festivais musicais e outras actividades análogas.
A xornada está dirixida aos membros das comisións de festas e entidades veciñais organizadoras deste tipo de eventos e non precisa de inscrición previa.