Saturday 16 de November de 2024

Feijóo refírese ao proceso de concentración parcelaria como unha ferramenta clave para seguir apostando polo futuro do rural galego


Destaca que a Administración autonómica está a traballar en 137 zonas que suporán 129.000 ha concentradas

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe, durante a entrega de títulos de concentración parcelaria de Visantoña en Santiso, ao proceso de reestruturación como unha ferramenta clave para seguir apostando polo futuro do rural galego. “A concentración parcelaria é clave para darlle máis oportunidades ao rural”, aseverou, subliñando que neste momento a Administración autonómica está a traballar en 137 zonas que suporán 129.000 ha concentradas, que serán entregadas nun prazo de entre tres e catro anos “e que suporán un antes e un despois no rural”.

Sobre este punto, o titular da Xunta recoñeceu que, se ben a concentración das 1.000 ha de Visantoña constituíu un proceso longo, “finalmente fomos quen de converter máis 7.500 parcelas en 1.500 predios e fixémolo, porque cremos no rural”.

Logo de precisar que este ano o Goberno galego está a destinar preto de 30 millóns de euros á reestruturación parcelaria, o que supón multiplicar por cinco o que se viña dedicando en anos anteriores, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá apostando polo rural e polas súas potencialidades.

Nesta liña referiuse á aprobación dunha liña de axudas por valor 155 millóns de euros de investimento público e privado para proxectos de transformación e posta en valor do produto lácteo. “E acabamos de resolver unha liña de axudas para aqueles que queiran investir no rural creando empresas non agrícolas”, dixo, precisando que ata o momento xa se teñen adxudicado 93 negocios non agrícolas que supoñen 117 novos empregos.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando que ademais da eliminación do Imposto de sucesións, hoxe os impostos no rural para comprar, vender ou permutar predios son cero. Para rematar, lembrou tamén que este ano 757 mozos solicitaron unha axuda por incorporación á actividade agraria, máis do triplo que en 2015.