Friday 22 de November de 2024

A Casa da Cultura de Lousame acollerá ata o 31 de xullo a exposición de pintura “O mundo máxico de Antón”


A alcaldesa Teresa Villaverde inaugurou esta mostra de 18 cadros feitos por Antón Romero Piñeiro, un rapaz de 10 anos de Portosín que padece autismo e que expresa as súas emocións a través do debuxo

“É xa a quinta exposición que facemos dende que empezamos aló polo mes de abril en Portosín. E xa podemos dicir que somos coñecidos en todo o mundo ou quizais non tanto, pero si somos coñecidos en todo o Barbanza”. Con estas palabras agradecía Avelina Piñeiro a asistencia do medio cento de persoas que se achegaron esta mañá ata a Casa da Cultura “Santeiros de Chave” de Lousame para asistir ao acto de inauguración da exposición de pintura “O mundo máxico de Antón”, obra do seu fillo Antón Romero Piñeiro, un rapaz de 10 anos natural de Portosín que padece un trastorno do espectro autista. Unha exposición organizada pola familia de Antón Romero e a Asociación Gallega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), que previamente presentou a súa nova páxina web, e que contaron coa colaboración do Concello de Lousame

Antón e Avelina estiveron acompañados pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Xuventude, María Regenjo; así como por Malena Sánchez, profesora de debuxo e pintura do rapaz. Avelina Piñeiro explicou que con estas exposicións “estamos concienciando á xente de que estes nenos e nenas con algún tipo de trastorno teñen capacidades e poden expresarse como eles sabes”. Neste sentido, indicou que “estamos facendo algo bo para concienciar á sociedae e, ademais, poñerlle un colchón a Antón, pois lle abrimos o camiño de algo que lle gusta como é debuxar. Despois el dirá se quere seguir por ese camiño”.

Un punto no que coincidiu Malena Sánchez, que se declarou “a fan número 1 tanto de Antón como de todos os meus nenos, porque creo neles”. Malena Sánchez salientou que “o máis importante non é o que fan estes nenos, senón o que poden facer. Os nenos son a verdadeira riqueza do país e non podemos prescindir de ningún”. Por iso, convidou aos presentes a visitar a exposición de Antón Romero e “ver algo máis, ver que todo o mundo ten un mundo máxico dentro e o bonito é descubrilo”.

Convite á veciñanza

Finalmente, a alcaldesa Teresa Villaverde volveu ofrecer a colaboración do Concello de Lousame tanto á asociación ASGPOH como á familia de Antón Romero, de quen salientou o gran talento que tiña para realizar estas creacións. Neste sentido, a concelleira de Xuventude, María Regenjo, explicou que “o que fai Antón gústanos moito e estamos encantados de ter esta exposición en Lousame, polo que animo a toda a veciñanza a descubrila e gozar dela”.

“O mundo máxico de Antón” é unha selección de 18 obras debuxos de animais (cabalos, dragóns, vacas, ratos, cans…) realizados por Antón Romero e que destacan especialmente polo seu colorido. Como apunta no cartaz de presentación da exposición: “o que máis me gusta no mundo é debuxar animais. O debuxo axúdame moito a expresarme mellor (debuxo unha historia, cóntoa, ordéoa no tempo e no espazo…) pero tamén me axuda a relaxarme e a disfrutar”. A exposición poderá visitarse na Casa da Cultura de Lousame ata o próximo 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 9:00 a 14:00 horas.