Este ano a organización prevé a presenza de preto de 3000 exemplares de todas as razas. Levarase a cabo a fin de semana do 30 e 31 de xullo
A organización da que será a XXV Feira de Cans de Caza do Mesón do Vento agarda para esta nova edición a presenza de preto de 3000 cans de caza. A que é a feira deste tipo máis importante que se celebra no noroeste de España terá lugar os días 30 e 31 de xullo. As inscricións para participar nela, así como nas distintas probas de caza, pódense facer a día de hoxe chamando ao 689550728.
Como é habitual poderán contemplarse, e en moitos casos adquirirse, exemplares das razas máis demandas por parte dos profesionais e afeccionados á cinexética. Entre eles xa está confirmada a presenza dalgúns dos máis destacados competidores en campionatos nacionais de probas de traballo, así como mandas de grifón azul e brunos de xura con varios galardóns de prestixio nacional. Tamén haberá carpas e postos expositores con artigos e produtos de caza de todo tipo.
O programa inclúe na primeira xornada, a do sábado 30 de xullo, o I Campionato Xuvenil Concello de Ordes Modalidade Rastro de Xabaril. Unha proba na que terán cabida os rapaces e rapazas de ata 14 anos. Tamén se levará a cabo o II Campionato Concello de Ordes Modalidade Rastro de Xabaril e O I Campionato Concello de Ordes Perdiz Parada por Tempos. A inscrición para estas probas ascende a 30 €, sendo de 5 € a partir do segundo can. O domingo, 31 de xullo, será o día grande da feira. Neste día distinguiranse os mellores exemplares de cada raza, así como as mellores mandas, camadas e o mellor can de toda a edición. Trofeos, agasallos e sacos de penso serán os premios que reciban os mellores de cada apartado.
Tras o xantar, e xa pola tarde, a festa e a música virá da man de Show Musical Alba.