Impartiranse clases e realizaranse traballos de albanelería de fábricas e cubertas e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de concederlles recentemente un obradoiro de emprego aos concellos de Ordes e Frades, para desenvolver de maneira conxunta. As especialidades que se van desenvolver serán as de operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas e actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. En total hai que falar de 20 postos (10 por cada especialidade) a ocupar por alumnado-traballadores.
No caso de Ordes as actuacións previstas céntranse no acondicionamento dos locais sociais de Buscás e Santa Cruz de Montaos, así como o seu contorno. Tamén se prevén labores de mantemento e conservación da parcela e o parque infantil situado entre a rúa de Frades e Cerceda, así como no Paseo Ramiro Recouso Liste.
No que se refire a Frades o obradoiro suporá o acondicionamento da Escola unitaria do “Cabezo” en Abellá, o mantemento e a conservación da área do local social de Aiazo, e a da presa en Ledoira. Tamén se traballará nas inmediacións do campo de fútbol en Vitre, e noutros espazos como os da piscina municipal en Papucín.
As persoas interesadas en participar no proceso selectivo poderán solicitar a súa inscrición na oficina de emprego de Ordes situada no mesmo Concello, ata o 26 de xullo. Para calquera consulta ou ampliación de información pódense consultar as bases na páxina web do Concello de Ordes (www.ordes.gal) ou na do Concello de Frades.