Friday 22 de November de 2024

O Xacobeo promove a cultura xacobea en Pekín cunha xornada sobre o Camiño de Santiago


Na xornada abordouse a historia da ruta e tamén a experiencia do peregrino

O Xacobeo promove a cultura xacobea en Pekín cunha xornada sobre o Camiño de Santiago, un acto organizado conxuntamente entre Turismo de Galicia, Turespaña e o Instituto Cervantes de Pekín.

Por parte do Xacobeo estivo presente o xefe da área de cultura, Francisco Singul, que é un historiador de acreditada traxectoria no campo da Ruta Xacobea e da súa cultura. Deste xeito, foi o encargado de efectuar unha intervención, xunto co director de cine Carlos Dai, para poñer en valor a historia e o Camiño de Santiago.

Así mesmo, abordou a experiencia do peregrino e a emoción á que se expón ao realizar este itinerario milenario. Con esta finalidade, o xefe da área de cultura do Xacobeo acompañou as súas palabras cun vídeo producido recentemente para a exposición “Galicia, Casa dos Peregrinos”, unha mostra e unha proxección audiovisual que foron todo un éxito. Pola súa banda, Carlos Dai achegará a súa percepción como peregrino chino tras ter realizado o Camiño.

Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia
Este acto de promoción coincide coa celebración neste 2016 do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se iniciou o 8 de decembro de 2015 e se estenderá ata o vindeiro 20 de novembro. Este evento supón un fito histórico para o Camiño de Santiago e para a Comunidade galega xa que, por primeira vez, se abriu a Porta Santa da Catedral nun ano que non era Ano Santo.

Por este motivo, Turismo de Galicia puxo en marcha unha programación especial que inclúe todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais, actuacións de investigación, así como iniciativas relacionadas co desenvolvemento turístico e a acollida ao visitante. Durante este período, Galicia ofrecerá diversos congresos, conferencias e exposicións, ademais de programas culturais e concertos como a iniciativa “Música no Camiño” ou “Cultura no Camiño”. Así mesmo, tamén se levarán a cabo importantes iniciativas relacionadas coa conservación do patrimonio e actuacións orientadas a mellorar a acollida dos peregrinos.