Saturday 16 de November de 2024

O tráfico de mercadorías nos peiraos autonómicos subíu un 3,5% nos tres primeiros trimestres do ano


 

Os peiraos de Ribadeo, Cee e Cariño lideran o ranquin de carga e descarga de mercadorías

A pesca fresca sobe o 15%, liderada pola actividade de Ribeira, Burela e Celeiro

O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 3,5% nos primeiros tres trimestres deste ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de setembro, o movemento de mercadorías acumulado situouse en 1.595.511 toneladas, fronte a 1.540.711 do pasado ano.

Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Ribadeo, con 425.528 toneladas acumuladas nos nove primeiros meses de ano; Cee, con 386.653 toneladas; e Cariño, con 357.440 toneladas. Destacan ademáis os incrementos porcentuais da actividade en Ribeira e Cee con subidas interanuais do 58 e o 30% respectivamente.

En canto ás mercadorías principais cargadas e descargadas nestes peiraos, no de Ribadeo destaca a pasta de papel, mentres que en Cee a predominante é o mineral de manganeso, e en Cariño o mineral de dunita.

Finalmente, o informe de xestión do mes de setembro, no seu rexistro acumulado recolle tamén unha forte subida da descarga de pesca fresca, que se situou en 77.769 toneladas, un 15% máis que no mesmo periodo do ano anterior. Os peiraos con maior actividade neste sentido foron os de Ribeira, con 24.508 toneladas, un 7% máis que en 2013; Burela, con 19.239, un 30% máis; e Celeiro, con 13.364 toneladas, un 24% máis que o pasado ano.