22 nenos e nenas que participan no servizo educativo e de conciliación “Sementeira” organizado polo Concello de Moeche achegáronse esta mañá ata San Sadurniño para pasar unha mañá apetitosa na compaña da rapazada da Aldea de Verán. E é que ambos grupos xuntáronse na Casa da Cultura para asistiren ao obradoiro “Ponlle as pilas ao teu bocata” ofrecido coa colaboración da Xunta de Galicia e pensado para fomentar os hábitos alimentarios saudables entre a infancia. Na primeira parte da sesión a cativería aprendeu xogando todo o que cómpre saber sobre as propiedades nutritivas do peixe en conserva e, na segunda, prepararon un ricos bocadillos con este ingrediente.
Ponlle as pilas ao teu bocata é unha iniciativa da Xunta en colaboración coa ANFACO, a asociación estatal de fabricantes de conservas, coa que se busca potenciar entre os nenos e nenas o consumo de peixe e marisco enlatado como parte fundamental dunha dieta equilibrada. Na súa web hai dispoñibles unha completa descrición das propiedades nutritivas das conservas, xogos e receitas ben doadas de preparar pola cativería coa axuda de persoas maiores.
Porén, Ponlle as pilas… son tamén unha serie de obradoiros que percorren Galicia durante o ano e hoxe tocoulle parada en San Sadurniño. Dous peculiares cociñeiros chegaron á Casa da Cultura cargados con todo tipo de ingredientes e unha grande pantalla que lles serviu de apoio durante a introdución. Dito así podería parecer que o obradoiro foi unha simple charla. Pero non, non foi iso, senón unha actividade participativa e cargada de humor que comezou cunha entretida explicación sobre que son as conservas, de onde veñen -do mar, non dos andeis do súper- e cales son as súas propiedades.
A xeito de descubrimento guiado, pola pantalla ían pasando imaxes de distintos peixes e mariscos mentres os cociñeiros explicaban a súa riqueza en vitaminas e minerais. Un xogo de identificación que se completou coa maxia tecnolóxica da realidade aumentada, coa que os nenos e nenas puideron ver os peixes dunha lámina de cartón cobrando vida ao poñelos diante dunha cámara conectada á pantalla.
A experiencia rematou a media mañá, xusto no momento en que a Aldea de Verán e Sementeira adoitan facer a parada do bocadillo. A rapazada puido escoller entre bonito, mexilóns en escabeche, sardiñas e luras na súa tinta, acompañadas de leituga, tomate, millo, cenoria relada, olivas e outros aderezos.