O Concello de Oroso organiza unha saída á praia de Cabanas (A Coruña) dirixida a veciños e veciñas maiores de 60 anos, e as súas parellas, que terá lugar o vindeiro venres 29 de xullo. Os maiores que desexen participar nesta primeira edición do programa “Imos á praia” deberán anotarse na Casa do Concello antes do vindeiro 27 de xullo.
A concelleira de Maiores, Vanesa Boo, explica que “diante do éxito acadado na excursión a Portugal e as peticións realizadas polos nosos maiores, decidimos poñer en marcha este programa, no que o Concello custeará o gasto do autobús mentres que os participantes decidirán se participan ou non no xantar que se celebrará nun restaurante da zona”. O devandito xantar ten un custe de 13 euros por persoa, que serán aboados no propio restuarante, e constará dun menú que inclúe calamares, empanadillas, croquetas, carne asada con guarnición, postre, bebida e café.
As próximas saídas programadas no programa “Imos á praia” terán lugar o 26 de agosto e o 30 de setembro. O número de prazas é limitado, polo que terán preferencia os veciños e veciñas empadroados en Oroso.