Un total de 55 veciños e veciñas de Frades participaron no “Xoves de praia”, unha iniciativa organizada polo Concello de Frades e que se desenvolverá todos os xoves de xullo e agosto. Os veciños, recollidos en autobús polas distintas parroquias, trasladáronse ata a praia de Boiro acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Ánxeles Álvarez.
As viaxes poderanse reservar por días ou por meses completos, pero sempre antes do martes anterior á viaxe no Concello de Frades ou no teléfono 981 69 55 67. Seguindo coa súa política de fomentar o empadroamento no municipio, o Concello de Frades ofrece importantes descontos para empadroados: 7 euros por día e 25 euros por mes completo, fronte aos 10 euros por día e 32 euros por mes completo dos non empadroados. Os nenos e nenas menores de 12 anos teñen un prezo especial de 5 euros/día.