Entre os días 3 e 6 de novembro, Turismo de Galicia difundirá os valores turísticos galegos neste certame
Turismo de Galicia promoveu unha misión comercial en Gran Bretaña na que participarán 16 empresarios hostaleiros galegos e que lles permitirá contactar cos principais operadores turísticos británicos dentro do marco da feira de turismo World Travel Market que se celebrará en Londres entre os días 3 e 6 de novembro.
Así, viaxarán á capital británica para promocionar os seus produtos e servizos os asociados ao Clúster de Turismo de Galicia e representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, da Federación Galega de Turismo Rural, do Grupo Costas Galicia, da Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), da Asociación de Turismo Rural Agarimo, da empresa Ababides Servicios, da Fundación Semana Verde de Galicia, de Carrís Hoteles, de Palexco e dos hoteis San Lorenzo e Gran Hotel La Toja.
World Travel Market
Por outra parte, a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, promocionará en Londres, entre os días 3 e 6 de novembro, a oferta turística galega dentro da feira turística World Travel Market (WTM), un dos certames de Turismo máis importantes do mundo, logo das feiras FITUR, de Madrid, e ITB, de Berlín.
Turismo de Galicia estará presente neste certame turístico xunto con Turespaña para difundir a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago aos profesionais do Turismo británicos. Así, insistirá na promoción dos valores da marca do turismo galego e os seus principais produtos.
Polo que respecta ao mercado británico, no que vai de ano supuxo o 6,5 por cento de todos os turistas estranxeiros que visitaron Galicia, o que implica que o inglés sexa o sexto mercado internacional máis importante para a comunidade galega.