Friday 22 de November de 2024

As xornadas ‘Os Camiños de Santiago: visións dende Europa’ evidencian o peso internacional acadado polas Rutas Xacobeas


O programa congrega en Galicia a membros do Parlamento Europeo e outras autoridades de organismos internacionais

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez recibiron aos membros do Parlamento Europeo que viaxaron ata Galicia para participar nas xornadas Os Camiños de Santiago: visións dende Europa”.

O conselleiro de Cultura saudou aos participantes, aos que animou a gozar do amplo patrimonio cultural galego, da gastronomía da nosa terra e das súas paisaxes, así como a coñecer de preto a rica tradición xacobea. Así mesmo desexou que, alén destas xornadas, Galicia deixe neles unha marca positiva indeleble que os anime a volver no futuro para seguir descubríndoa.

A continuación, a directora de Turismo e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participaron nas devanditas xornadas. Durante a apertura das mesmas, Nava Castro subliñou o grande interese mundial que suscita a Ruta Xacobea, cun 60% de peregrinos de orixe internacional e que en 2015 procederon de 192 países diferentes. Nestas xornadas, ademais dos membros do Parlamento europeo, tamén participaban outras autoridades de organismos e entidades internacionais relacionadas coa Ruta Xacobea para abordar a súa compoñente cultural, social, histórica e de valores dende unha perspectiva europea.

Nava Castro afirmou que o Camiño é un referente de interculturalidade e un dos fenómenos máis universais da civilización actual e que conta, por iso, con grandes recoñecementos internacionais como a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO tanto nos Camiños do Norte Peninsular dende hai un ano como no Camiño Francés dende 1993 ou a ser o Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa dende 1987.

Récord de peregrinos
Non obstante, a directora puxo de manifesto que “o maior recoñecemento que acada o Camiño de Santiago é o número de peregrinos que o realizan”, 262.515 no ano 2015. Nesta liña, expuxo que este ano a cifra vai en aumento xa que dende xaneiro se recibiron máis de 120.000, un 8% máis que no mesmo período do ano pasado.

Neste sentido, salientou a especial relevancia do Plan Director do Camiño para planificar as infraestruturas necesarias de cara a esta grande demanda prevista e evitar así a masificación, conseguindo ofrecer un servizo de calidade. Nesta liña, o Goberno galego executa constantes melloras nos itinerarios como, por exemplo, a adaptación da sinalización para garantir unha correcta orientación do peregrino e adaptada ás novas directrices.

Nava Castro tamén apostou pola incidencia positiva que neste sentido vai ter a celebración do Ano Xubilar Extraordinario da Misericordia, que se estende dende o pasado 8 de decembro ata o vindeiro 20 de novembro, xa que vai acompañado dunha programación especial posta en marcha por Turismo de Galicia para incentivar a experiencia xacobea.

Neste sentido, terán lugar todo tipo de acontecementos culturais, artísticos e sociais e iniciativas de investigación, de desenvolvemento turístico e de acollida ao peregrino para poñer en valor o fito histórico que supón a apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago nun ano non santo. Neste contexto, a directora tamén animou a realizar a Ruta Xacobea como unha experiencia única e chea de valores humanos na que o peregrino se encontra a si mesmo.

Desenvolvemento europeo
Así mesmo, a directora enxalzou que o Camiño de Santiago é a columna vertebral de Europa ao redor da que se creou un gran tecido asistencial, incluíndo a Rede Pública de Albergues xestionada pola Xunta de Galicia e que aglutina en Galicia a 70 establecementos que ofrecen 3.278 prazas para a acollida do peregrino. Así mesmo, a directora subliñou que o interese que suscita a experiencia xacobea queda reflectida na existencia de máis de 300 asociacións de amigos do Camiño, que aglutinan a 80.000 asociados e hospitalarios.

Indicou tamén que a Ruta Xacobea é fundamental para o desenvolvemento económico de Galicia e tamén a nivel local dos concellos que atravesa. Ademais, a importancia do Camiño contribúe á conservación do patrimonio e da cultura xacobea.

Fortalecemento da unidade cultural desde a diversidade
Pola súa banda, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou o interese deste departamento por se sumar a esta iniciativa de Turismo de Galicia “que afonda na significación que teñen as rutas culturais e, especialmente, o Camiño de Santiago”.

Na súa intervención explicou que Galicia participa actualmente no 25% das rutas culturais europeas recoñecidas e recordou que o Goberno galego desde os seus comezos recoñeceu a importancia e a singularidade desta parte do seu patrimonio cultural que comparte co resto de Europa.

Finalmente, referiuse ás rutas culturais e ao Camiño de Santiago como “unha achega de calidade para a consolidación de Europa como espazo común de convivencia”, ademais de constituír “unha das ferramentas máis eficaces no recoñecemento e fortalecemento da unidade cultural, na que se comparten aspectos comúns relevantes e nas que se poñen en valor o conxunto das singularidades propias de cada territorio”.