Saturday 16 de November de 2024

A Xunta destaca que a colaboración entre administracións mellora a prevención e a loita contra os incendios forestais


Alfonso Rueda, Ángeles Vázquez e Santiago Villanueva asistiron á presentación da unidade de cabalería da Policia Nacional, acompañados do xefe superior da Policia Nacional, Manuel Vázquez

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vazquez, acompañaron ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e ao xefe superior da Policia Nacional en Galicia, Manuel Vázquez, na presentación oficial da Unidade de Cabalería do Corpo Nacional de Policía, que volve desenvolver este verán a súa actividade dentro do marco da Operación Lumes.

A unidade de cabalería, que se suma por cuarto ano ao dispositivo policial antiincendios, ten como función a de previr a comisión de incendios forestais na demarcación territorial asignada ao Corpo Nacional de Policía en Galicia para as funcións derivadas do citado operativo antiincendios, así como de colaborar na investigación dos mesmos.

No dispositivo de prevención e loita contra incendios forestais que está operativo desde o pasado 1 de xullo, o PLADIGA, participa persoal da Xunta, do Estado e dos concellos, nun exemplo de colaboración institucional que permite obter os mellores resultados, lograr sinerxías e minimizar os danos. Esa cooperación é fundamental para seguir traballando e mellorando cada día na prevención e extinción dos lumes, así como na loita contra os incendiarios.

Por parte da Consellería do Medio Rural, que coordina o operativo de loita contra o lume, valórase especialmente a colaboración entres as diferentes administracións nesta tarefa, e de modo particular a implicación dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

Medio Rural pide ademais á cidadanía que preste o seu apoio a todos os integrantes do dispositivo contra incendios, tanto no que se refire ás alertas de lume (chamando ao teléfono 085) como denunciando as posibles prácticas incendiarias das que teña coñecemento.

Con motivo deste despregue das patrullas a cabalo, desde o Departamento que dirixe Ángeles Vázquez faise un novo recoñecemento ao esforzo e dedicación dos compoñentes do operativo que traballan baixo o mando único da Xunta, e que en tempada de alto risco suman ata 7.000 efectivos.