A convocatoria está destinada ás persoas titulares de cultivos agrícolas que resulten afectados pola actividade destes animais
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde de axudas (http://goo.gl/aNHLaI) destinadas a paliar os danos producidos polo xabaril nos cultivos agrícolas, dotada cun orzamento de 600.000 euros.
Poderán optar a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas que exerzan a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia. Cada expediente será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita. A orde dará cobertura aos danos producidos desde a entrada en vigor da orde ata o 10 de outubro.
A comunicación do dano debe producirse nos tres días posteriores, mediante unha chamada ao 012. Logo desa notificación, técnicos da Xunta desprazaranse ata o lugar dos feitos para comprobalos. O prazo de presentación da solicitude da axuda deberá ser dun mes despois da comunicación do dano, mentres que a Xunta terá un prazo de tres meses para resolver logo da entrada desta solicitude.
O importe das axudas variará en función do cultivo, pero a orde establece unha contía máxima por beneficiario de 1.500 euros. As contías oscilan entre os 0,11€/metro cadrado do trigo, centeo ou pradería; e os 1,70€/metro cadrado das hortalizas como a coliflor, o tomate, a cebola ou a cabaciña.
Esta medida inscríbese no primeiro Plan de acción global contra os danos ocasionados polo xabaril, posto en marcha pola Xunta de Galicia e que dispón dun orzamento total de 1,3 millóns de euros. O seu obxectivo é previr e minimizar os danos que causa esta especie na comunidade autónoma, ao tempo que se preserva a conservación destes animais.
Trátase dunha folla de ruta multidisciplinar, na que tomaron parte as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Infraestruturas e Vivenda e Medio Rural; o Ministerio de Fomento; a Dirección Xeral de Tráfico; a Garda Civil de Tráfico; e Federación galega de caza.
Este documento articúlase ao redor de catro eixos: accidentes de tráfico; danos producidos na agricultura (no que se enmarca a orde de axudas publicada hoxe); xestión e aproveitamento da especie; e educación e formación.
O xabaril en Galicia
A poboación do xabaril, abundante en toda Galicia, constitúe un expoñente da rica biodiversidade da comunidade e é un elemento de equilibrio biolóxico no seu contorno. Polo tanto, trátase dun animal importante para o medio natura” que, polas súas características propias –necesidades alimenticias ou gran capacidade para desprazarse-, ás veces provoca danos que afectan principalmente aos agricultores e ao tráfico rodado. Segundo os últimos datos dispoñibles, as zonas con maior densidade de poboación da especie concéntranse no interior da Coruña e comarca de Ferrolterra; en en zonas do sur de Lugo e interior de Ourense