Saturday 16 de November de 2024

Feijóo avanza un novo investimento de 12m€ en préstamos para as pemes tras completar o programa Jeremie e constatar que se trata dunha fórmula financeira pioneira e útil


Afirma que a nova liña de axudas que activará a Xunta mobilizará máis de 20 millóns de euros en investimentos, e seguindo o exemplo dos préstamos Jeremie, terá uns vantaxosos tipos de xuro, cun interese máximo do 0,7% máis Euríbor

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo investimento de 12 millóns de euros en préstamos para as pemes tras completar o programa Jeremie e constatar que se trata dunha fórmula financeira pioneira e útil.

Esta nova liña de axudas mobilizará máis de 20 millóns de euros en investimentos, e seguindo o exemplo dos préstamos Jeremie, terá uns vantaxosos tipos de xuro, cun interese máximo do 0,7% máis Euríbor.

Segundo lembrou o presidente da Xunta, trátase dunha das medidas que se comprometeron no terceiro paquete do superávit de responsabilidade acadado por ter cumprido o déficit ao longo dos últimos anos. O obxectivo con esta nova iniciativa é aproveitar eses fondos adicionais para incentivar a economía e facilitar novos investimentos, especialmente das pequenas e medianas empresas.

O balance que deixan os préstamos Jeremie
Feijóo lembrou que os préstamos Jeremie permitiron, nos dous últimos anos, incorporar á economía 26,6 millóns de euros de investimento público para mobilizar 45 millóns de euros en 83 operacións, xerando ou mantendo 1.800 postos de traballo.

Estes préstamos centráronse no eido industrial, que concentra o 62% do importe concedido. O 18% do total vai destinado ao sector servizos, o 10% ao eido comercial e o 10% restante ao turismo.

Como precisou o titular do Goberno galego, o acento industrial será aínda maior na nova liña de préstamos. Non en van, neste ámbito é onde se constataron algúns dos proxectos máis relevantes, como o financiamento de proxectos industriais para a fabricación de envases e embalaxes, motores e turbinas, moldes e ferramentas, pezas de automoción, engranaxes, ou maquinaria agrícola; tamén se apoiaron investimentos en reparación ou mantemento naval, depuración de augas ou fabricación de fertilizantes; así como proxectos de hostalaría, ou de servizos de ocio ou servizos médicos e de atención a persoas maiores.

En definitiva, a Xunta contou cun programa para axudar ás pemes a facer novos investimentos e, por iso, como conta con fondos adicionais que pode investir, vai destinalos ás súas prioridades, e unha delas é seguir tentando incentivar a economía.