Saturday 16 de November de 2024

A Xunta activa catro liñas de axudas por 15m€ para impulsar a mellora da cualificación e inserción laboral de case 3.700 persoas sen traballo


O titular do Goberno galego di que, a través destas actuacións, dase un novo impulso á Axenda 20 para o Emprego coa que se pretende a creación de 100.000 novos empregos e reducir a taxa de paro en Galicia ata unha cifra por debaixo dos dous díxitos

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello, que a Xunta vai activar catro programas de apoios para impulsar a mellora da cualificación e a inserción laboral de case 3.700 persoas sen traballo. Con isto, búscase axudar a ampliar as súas oportunidades laborais e incentivar a súa contratación por parte das empresas. O investimento total destas liñas específicas está valorado en 15 millóns de euros.

A través destas actuacións, a Xunta dá un novo impulso á Axenda 20 para o Emprego coa que se está a impulsar a calidade e estabilidade no mercado laboral ata 2020. Esta planificación, segundo lembrou Feijóo, pretende a creación de 100.000 novos empregos e reducir a taxa de paro en Galicia ata unha cifra por debaixo dos dous díxitos. De feito, grazas a ela, xa se activaron nos primeiros seis meses do ano axudas en emprego por valor de arredor de 150 millóns de euros.
As catro liñas de axudas
Segundo detallou o presidente do Goberno galego, a primeira liña de axudas, o programa Aprol Rural, destinará 6,9 millóns a entidades locais emprazadas no rural cuxa poboación sexa igual ou inferior aos 10.000 habitantes co fin de contratar a tempo completo traballadores para realizar obras ou servizos de interese xeral e social. En total, beneficiaranse 900 persoas desempregadas e un total de 250 municipios.

O segundo programa de apoios vai dirixido a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de 20 lanzadeiras de emprego, baseadas en desenvolver plans integrais que combinen accións de diversa natureza, como orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais e mobilidade xeográfica. Estas lanzadeiras, nas que se investirán 4 millóns de euros, un 40% máis que en 2015, poderán a beneficiar a 1.200 desempregados durante 12 meses. O obxectivo é que polo menos un 25% dos participantes acaden un emprego.

Estas 20 lanzadeiras sumaranse ás 28 que activarán os concellos a través das axudas do Goberno galego. As lanzadeiras, tanto as dirixidas a concellos como a entidades sen ánimo de lucro, están enfocadas a mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos veciños desempregados.

En terceiro lugar, destinaranse preto de 3 millóns de euros ás Unidades Formativas en Empresas coas que a Xunta financiará o 100% da formación nas empresas que se comprometan á contratación. Preténdese beneficiar a 900 persoas sen emprego a través da posta en marcha de 60 unidades formativas. Estes apoios están dirixidos a empresas ou grupos de firmas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, que empreguen a 50 ou máis persoas traballadoras. As empresas deberán comprometerse a un mínimo de contratación do 60% do alumnado que se forme nas súas compañías por un período mínimo inicial de 6 meses.

Ademais, ao abeiro deste programa, apoiaranse as contratacións indefinidas iniciais e temporais con axudas de ata 9.000 euros para aquelas firmas que superen o compromiso de contratación do 60% das persoas formadas nestas Unidades Formativas das Empresas.

Por último, o presidente da Xunta anunciou incentivos á contratación de traballadores con maiores dificultades de inserción laboral. Así, a través de axudas de entre 1.200 ata 10.000 euros, segundo a modalidade do programa, buscarase incentivar a creación de emprego entre estas persoas e incrementar a súa estabilidade laboral.

Do mesmo xeito, inclúense apoios á contratación para persoas maiores de 30 anos, que esgotasen as prestacións por desemprego ou para as que se atopen en risco de exclusión social, entre outros colectivos. En total, investiranse 1,5 millóns de euros.