Proponse alertar sobre a falta de atención a desafíos como a perda de poboación en certas zonas da UE
Galicia vén de demandar unha maior atención ao problema demográfico dentro da Estratexia da UE para o crecemento e o emprego entre os anos 2010 e 2020. A Fundación Galicia Europa vén de presentar as súas achegas a este documento, en nome da DCRN, a Rede de Rexións afectadas polo Cambio Demográfico da que forman parte a Fundación Galicia Europa e a Consellería de Traballo e Benestar xunto con outras 12 rexións europeas.
O pasado mes de maio, a Comisión Europea lanzou unha consulta pública sobre o funcionamento da Estratexia Europa 2020 até agora e o seu desenvolvemento posterior. Iniciada en 2010, e cunha duración prevista de 10 anos, o obxectivo de Europa 2020 non é só superar a crise, senón tamén crear as condicións necesarias para un crecemento intelixente, sustentable e integrador na UE, fixando cinco obxectivos principais nos ámbitos de emprego, I+D, clima e enerxía, educación e redución da pobreza.
Na resposta conxunta, advírtese a necesidade de que a Estratexia Europa 2020 preste unha atención especial ao cambio demográfico, xa que toda a UE no seu conxunto verase afectada por esta problemática nos próximos anos. Entre as rexións asinantes desta contribución atópanse, ademais de Galicia, outro cinco comunidades autónomas españolas, tres länder alemáns, unha provincia holandesa, unha rexión polaca e outra sueca.
Na Estratexia obsérvase unha polarización entre rexións: mentres algúns centros de desenvolvemento, como Londres ou Bruxelas, sofren as consecuencias da sobrepoboación, outras rexións, que representan preto do 75% do territorio, teñen que facer fronte a profundos cambios na sociedade causados polo aumento da esperanza de vida, os baixos índices de natalidade e o despoboamento.
A este respecto, a Rede alerta sobre as dificultadas destas rexións para cumprir cos obxectivos de 2020, en especial, nos referidos á taxa de emprego, a porcentaxe do PIB dedicado a I+D e o número de persoas expostas á pobreza. Por este motivo, Galicia e o resto de rexións solicitan incluír novos indicadores relacionados co cambio demográfico no deseño e aplicación desta estratexia, ademais de engadir unha dimensión territorial que fomente, xunto co crecemento intelixente, sustentable e integrador, un crecemento equilibrado en toda a UE.
Como propostas concretas para a segunda metade desta década, a DCRN insta tamén ás institucións europeas a establecer unha nova “iniciativa emblemática” no ámbito do cambio demográfico. Isto engadiríase ás sete xa existentes a modo de programas de traballo que permiten unir esforzos entre a UE e os Estados membros en ámbitos como a innovación, o emprego e a política industrial. Esta nova iniciativa emblemática permitiría apoiar ás que xa se están poñendo en marcha a nivel local e rexional para fixar a poboación ao territorio, promover a natalidade ou dinamizar a economía local. Cabe destacar, neste senso, que a Consellería de Traballo e Benestar aprobou no mes de abril do ano pasado o Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016 no Parlamento de Galicia. Esta folla de ruta conta con 69 medidas. O obxectivo é dar solucións a un problema real e estrutural.
Doutra banda, a DCRN reclama unha maior implicación dos entes subestatais no Semestre Europeo, o ciclo anual de coordinación das políticas económicas e orzamentarias mediante o que se aplica e supervisa a Estratexia Europa 2020. Os distintos pasos en que se descompón este ciclo, desde o establecemento de prioridades anuais da UE até as recomendacións específicas por país, non ofrecen actualmente unha imaxe detallada das dificultades das rexións europeas con problemas demográficos. Por iso, as rexións solicitan un reforzo da gobernanza multinivel neste proceso de coordinación entre os 28 Estados membros.
A implicación de Galicia a nivel europeo respecto das cuestións demográficas
Galicia forma parte da Demographic Change Regions Network, rede de cooperación rexional inscrita no rexistro de transparencia da UE, desde a súa constitución hai máis de cinco anos. O ano pasado uniuse a outro cinco comunidades autónomas (Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Estremadura e Aragón) para reclamar unha estratexia coordinada dentro do Estado ante os retos demográficos pois, a modo de exemplo, este seis CC.AA representan tan só o 23% da súa poboación, a pesar de ocupar o 60% do territorio español. Tras unha visita institucional a Bruxelas no mes de abril, estas seis CC.AA impulsaron no seo da DCRN esta resposta conxunta á revisión intermedia da Estratexia Europa 2020 co obxectivo de que os retos demográficos sexan incluídos de maneira transversal na axenda política europea.