Friday 22 de November de 2024

Nava Castro pon en valor as melloras realizadas por Turismo de Galicia no Camiño Francés por importe de 320.000 euros


A segunda fase dos traballos iniciarase a finais deste mes e contará cun investimento superior ao medio millón de euros

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, puxo en valor esta mañá a mellora do Camiño Francés grazas á primeira fase dos traballos executados nesta vía polo seu departamento, que contaron cunha achega de 322.778,39 euros. Os labores desenvolvéronse no treito comprendido entre Pedrafita do Cebreiro e O Pino, para a recuperación e sinalización deste itinerario conforme á nova delimitación oficial e ás novas directrices do Manual de Sinalización Turístico de Galicia. Na visita tamén estivo o alcalde de Portomarín, Juan Carlos Serrano, e o rexedor municipal de Paradela, José Manuel Mato.

As actuacións melloraron a sinalización existente e o estado de accesibilidade da ruta co obxectivo de unificar e harmonizar a sinalización do Camiño de Santiago, un dos símbolos de Galicia, e ofrecer un mellor servizo os cada vez máis peregrinos que se decantan por este itinerario.

De feito, en 2015 rexistráronse un total de 172.243 peregrinos no Camiño Francés, que é a ruta máis transitada co 65,61% do total de peregrinos que chegaron a Compostela. No que vai de ano foron 76.210 os peregrinos que se decantaron por esta vía.

En canto á sinalización, colocáronse 551 novos fitos e 131 cunchas en paramentos verticais en 145 quilómetros dos 160 que ten o Camiño Francés en Galicia. Desta maneira, corrixíronse as deficiencias existentes na sinalización para garantir a correcta orientación dos peregrinos e tamén se adaptou a mesma ao disposto nas novas especificacións do Manual de Sinalización Turístico de Galicia.

Ademais destas actuacións no camiño principal, no trazado complementario tamén se sinalizaron treitos nos termos municipais de Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Portomarín, Melide e Arzúa.

Así mesmo, recuperouse un tramo de 535 metros do trazado principal no termo municipal de Portomarín, concretamente unha baixada ata a estrada LU-633, Pedrafita – Alto do Hospital, no contorno do embalse. Neste treito executouse unha limpeza e preparouse a base do camiño con materiais como pedra compactada e saburra.

Segunda fase das obras
A segunda fase destas obras iniciarase previsiblemente a finais deste mes de xullo e contará cun orzamento de licitación de máis de medio millón de euros. Deste xeito, Turismo de Galicia achegará máis de 800.000 euros á sinalización e mellora do Camiño Francés con estas dúas obras. Nesta ocasión, os traballos beneficiarán aos municipios de Arzúa, Pedrafita do Cebreiro, Sarria, Paradela, Portomarín e Samos.

As obras previstas actuarán sobre a sinalización existente e tamén sobre o estado de accesibilidade do Camiño. Ademais, supoñen a apertura de tramos ata agora non abertos ao tránsito dos peregrinos.