Refírese ás melloras que se están a acometer no Servizo Galego de Saúde, cuxos profesionais, di, foron quen non só de manter o excelente nivel da sanidade pública galega en época de recesión económica, senón de ofrecer mellores servizos
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que os datos de listas de espera deste primeiro semestre do ano, que están a piques de ser publicados, son os mellores que leva acadado a sanidade pública galega desde que hai rexistros. Así o manifestou durante a súa comparecencia no Pleno da Cámara autonómica.
O mandatario galego referiuse así ás melloras que se están a acometer no Servizo Galego de Saúde, cuxos profesionais, dixo, foron quen non só de manter o excelente nivel da sanidade pública galega en época de recesión económica, senón de ofrecer mellores servizos.
Segundo precisou, en Galicia hai hoxe máis infraestruturas sanitarias, máis dereitos para os pacientes e máis actividade nos hospitais e centros de saúde. Indicou, así, que o sistema de saúde público galego conta agora cun novo hospital en Lugo, outro en Vigo e un edificio de hospitalización novo en Ourense a punto de ser entregado. E, xunto con isto, engadiu que se ampliou o hospital do Salnés en Vilagarcía de Arousa e que xa empezaron as obras do hospital de Burela.
Neste punto, adiantou que este mesmo mes a Xunta vai asinar co Concello de Pontevedra o novo gran hospital de Montecelo.
Canto a centros de saúde, sinalou que son 36 os que a Xunta leva posto en funcionamento durante estes sete anos, 25 novos que xa están construídos e 11 reformados; ademais dos 13 que entran en servizo ao longo de 2016 e outros 10 que o Goberno galego está a licitar. “O 70% dos galegos no ano 2016 teñen ou un hospital novo, ou un hospital reformado ou un centro de saúde novo” na súa contorna, reiterou.
Feijóo tamén citou a implantación ao cen por cento de avances funcionais como a historia clínica electrónica, a receita electrónica ou as consultas telefónicas en Atención Primaria, das que se levan contabilizado xa 2 millóns. E, na mesma liña, salientou que Galicia dispón do calendario de vacinas máis amplo de España e dunha Lei de prestacións de garantías sanitarias.
Por outra parte, durante a súa intervención, o titular da Xunta fixo alusión ao barómetro sanitario correspondente ao mes de xuño, que indica que a maioría dos galegos cre que a sanidade pública aumentou a súa calidade. Segundo detallou, reflicte que o 71% dos galegos opina que a sanidade pública é boa ou bastante boa, 8 puntos por enriba da valoración da media de España; e que a maioría cre que a sanidade está mellor ou igual que antes. Neste contexto, citou como exemplo que o 78% dos galegos cre que está mellor en Atención Primaria, e o 65,5% que está mellor nas consultas hospitalarias.
Ademais, a estes datos engadiu tamén a opinión das asociacións en defensa da sanidade pública que, segundo indicou, sinalan que a valoración de Galicia subiu un chanzo, o que sitúa a sanidade pública galega no quinto lugar das comunidades autónomas de réxime xeral; mentres que en 2006, lembrou, estaba no número 11 e en 2007 no número 13.
Máis oportunidades de emprego
En termos de emprego, na súa comparecencia o presidente da Xunta subliñou, por outra banda, que os galegos teñen agora máis oportunidades para traballar, e os sectores produtivos contan con mellor saúde. A este respecto lembrou que se asinaron contratos no sector naval por un valor de 2.300 millóns e que a automoción conta cun futuro certo como mínimo ata 2020. “Agora hai máis datos esperanzadores que no 2009”, engadiu.
Ademais, aclarou, “temos máis capacidade para formar os nosos mozos, as familias teñen máis posibilidades sociais, as persoas que máis o necesitan teñen unha axenda social única pactada entre todos os concellos e a Xunta, e temos máis posibilidades de atender tanto a educación como a sanidade”.
Con respecto aos datos de emprego, o mandatario galego destacou que en Galicia hai 21.700 parados menos, 14.000 afiliados máis á Seguridade Social, e que o número de ocupados subiu ata os 33.600 neste último ano.
Tamén indicou que no relativo ao ámbito social e educativo, as taxas universitarias levan 8 anos conxeladas, e que se habilitaron 23.000 prazas de comedores escolares e 5.000 novas prazas de escolas infantís, unha ratio de máis de 33 por cada 100. Nese sentido, enumerou a posta en marcha de toda unha serie de medidas como as deducións para o segundo e terceiro fillo, o alugueiro social, o tícket eléctrico, ou os programas de vivendas baleiras.
Na mesma liña, recordou que a partir de setembro deste ano o transporte interurbano será gratuíto para os menores de 18 anos e que na maioría dos concellos das áreas metropolitanas xa contan con transporte metropolitano.
Segundo concluíu, neste momento hai en Galicia, menos paro, máis crecemento económico, máis produción industrial, máis innovación e máis opcións para novos sectores como o biotecnolóxico e o aeronáutico.