Friday 22 de November de 2024

Oroso celebrará o quinto centenario do paso do Rei Carlos I polo concello


O Concello de Oroso comezou a preparar o quinto centenario do paso do emperador Carlos I de España e V de Alemaña por ese concello, que terá lugar en maio do ano 2020. Nese contexto quedou formada unha comisión que integran dous concelleiros (o de Cultura, Luis Rey, e a de Turismo, Vanesa Boo), a bibliotecaria, a técnica de Cultura do propio concello e un veciño interesado na divulgación da historia. “Queremos facer as cousas ben e con tempo, e a función deste primeiro grupo de traballo será recoller toda a documentación posible e presentar unha serie de ideas para conmemorar a efeméride”, manifestou o alcalde, Manuel Mirás, no acto de constitución da comisión, a cal comezará a traballar de inmediato.

Carlos I e o seu nutrido séquito cruzaron a ponte medieval de Sigüeiro procedentes de Santiago e rumbo a A Coruña, onde o rei embarcaría cara a Alemaña para ser coroado emperador tras a morte do seu avó, Maximiliano. “Haberá que pensar en poñer unha placa ou un panel explicativo nos arredores da ponte para lembrar ese paso”, manifestou a concelleira Vanesa Boo, mentres o concelleiro Luis Rey engadía que van deseñar un programa de actos culturais para dar a coñecer a todos os veciños a presenza dun monarca que puxo as bases do imperio español, así como reconstruír con fidelidade o itinerario seguido no seu día polo monarca e percorrelo de novo na medida en que sexa posible.