Saturday 16 de November de 2024

A xunta avoga por aumentar a visibilidade das mulleres emprendedoras e favorecer a súa conciliación laboral e familiar


 

A secretaria xeral da Igualdade inaugurou o II Foro de liderado, innovación e emprendemento, organizado en Vigo pola Asociación de Executivas de Galicia

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou o II Foro de liderado, innovación e emprendemento, organizado en Vigo pola Asociación de Executivas de Galicia, e no que avogou por dar maior visibilidade ás mulleres emprendedoras e favorecer a corresponsabilidade e a conciliación da vida familiar e laboral.

López Abella explicou que estudos como o “Women in business”, publicado a mediados deste ano, mostran que aínda queda moito traballo por facer e que o acceso das mulleres a postos directivos –actualmente nun24 por cento- non está en sintonía cos progresos que as mulleres están a realizar noutros ámbitos da vida. Esta diferenza é maior se falamos de postos en sectores punteiros de actividade, como os científico-tecnolóxicos.

Ademais, unha das consecuencias directas desta situación é a fenda salarial, que nas mulleres con estudos superiores entre 35 e 44 anos xa alcanza o 27 por cento respecto aos seus compañeiros homes. Estes datos, dixo, revelan que hai que xerar sinerxías para impulsar avances concretos entre todos, desde as administracións públicas á sociedade en xeral, as empresas, os sindicatos, os colexios profesionais e as universidades.

A mellora das expectativas económicas e de emprego das mulleres ten que ser compatible coa vida privada e familiar. E para poder conciliar a vida laboral coa persoal e familiar é imprescindible impulsar medidas que permitan tanto a mulleres como a homes equilibrar a balanza das responsabilidades nas esferas pública e privada da forma en que mellor se adapte as súas necesidades.

Esa á precisamente unha das liñas de traballo do Goberno galego, conscientes de que a corresponsabilidade é fundamental de cara a alcanzar a igualdade real na nosa sociedade. Por iso, o VI Plan de Igualdade do contempla actuacións de estímulo á corresponsabilidade na conciliación de vida profesional, familiar e persoal das mulleres e dos homes, agrupadas nun eixe concreto denominado “Conciliación corresponsable e calidade de vida”.

“A igualdade de oportunidades ten que ser o punto de partida de todas as persoas, o resultado é aquel que cada unha se constrúe co seu esforzo, co seu traballo, e co seu talento. E só se favorecemos con igual énfase a esixencia, o esforzo, a excelencia, nun marco de igualdade de oportunidades, teremos individualmente -e a sociedade española no seu conxunto- máis opcións de futuro”, concluíu a secretaria xeral.