Friday 22 de November de 2024

A Xunta avoga pola educación como camiño para avanzar cara á igualdade de xénero


A secretaria xeral de Igualdade participou hoxe na inauguración do XII Curso de Verán “ Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: Educación afectivo-sexual, prostitución, trata e outras violencias”

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella mostrou hoxe na inauguración do XII Curso de Verán: Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0 : Educación afectivo-sexual, prostitución, trata e outras violencias, o seu convencemento de que a educación é o camiño para avanzar cara á igualdade de xénero. Para conseguir unha sociedade respectuosa e inclusiva con todas as persoas, o traballo no ámbito educativo faise imprescindible.

O curso está dirixido principalmente a estudantes e a profesionais dos diversos ámbitos que queiran ampliar os seus coñecementos e a súa perspectiva de xénero e igualdade de oportunidades e introducilas na súa actividade profesional. Estas xornadas teñen entre os seus obxectivos, mellorar as habilidades dos e das estudantes para contribuír a fortalecer o protagonismo e as posibilidades, deles e delas, de influír na comunidade, xa que a xuventude e a adolescencia teñen unha importancia vital no desenvolvemento da persoa e actuar nesta etapa é fundamental.

López Abella fixo referencia á campaña de sensibilización presentada pola Xunta de Galicia, o pasado mes de febreiro, orientada especialmente á xuventude baixo o lema Eu respecto. Con esta campaña preténdese concienciar aos mozos e mozas sobre a igualdade, a pluralidade, a dignidade, diferenza e respecto á diversidade sexual.

Galicia foi a primeira comunidade autónoma, que froito do consenso político aprobouse no Parlamento a Lei 2/2014 que consolida o principio de igualdade de trato e non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero das persoas lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais (LGTBI).

Dende o Goberno galego na súa labor pola erradicación e concienciación social da violencia de xénero, estase a traballar no I Plan Galego de Educación en Igualdade no que se inclúe unha sección específica da abordaxe da educación dende a diversidade e, tamén a detección precoz e a resposta eficaz á violencia de xénero, con especial atención á prevención.

Nesta mesma liña súmanse os riscos do uso das novas tecnoloxías, o 25,1 por cento das mozas recoñecen sufrir control a través do móbil. O estudo O ciberacoso como forma de exercer a violencia de xénero na mocidade: un risco na sociedade da información e do coñecemento, pon de manifesto a importancia que as novas tecnoloxías teñen nas relación que se establecen na adolescencia e a mocidade.

Por outra banda, López Abella lembrou a posta en funcionamento dende o pasado decembro da aplicación móbil para vítimas de violencia de xénero Escapp, unha aplicación que permite a calquera persoa obter información de apoio e acceder ao coñecemento dos recursos existentes en Galicia coma comisarías, hospitais, CIM e, entre outros; próximos á súa localización.Unha aplicación que ofrece a información dunha forma áxil, sinxela, intuitiva, gratuíta e sobre todo confidencial, a app se deseñou para que permaneza oculta nas iconas do teléfono, de tal maneira que ninguén, salvo a persoa interesada, saiba que dispón de dito recurso de información e apoio sobre a violencia de xénero

No acto de inauguración tamén participaron o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, a directora do Instituto de Ciencias da Educación da USC, Ana Mª Porto, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Mª Dolores Álvarez. O curso está organizado polo Concello de Lalín e a USC e se levará a cabo dende hoxe ata o venres 15 de xullo con diversas conferencias por parte de profesionais de diversos ámbitos da educación, socioloxía, filosofía, da antropoloxía e do mundo das artes.