Destaca os avances acadados en materia asistencial e de prevención e sinala que non terían sido posibles sen as infraestruturas sanitarias coas que conta hoxe Galicia
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor os logros sanitarios acadados na sanidade galega desde hai 25 anos, cando se emprendía un camiño “onde non hai paradas, onde non hai retrocesos, onde non hai atallos e onde hai que ser moi profesional” co fin de mellorar, ser eficientes e “seguir tendo unha das mellores sanidades públicas de Europa”. Así o manifestou durante a inauguración da exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde.
Feijóo fixo fincapé na importancia da transferencia das competencias en materia de sanidade por parte do Estado a finais do ano 1990 e, neste senso, sinalou que Galicia foi das seis primeiras autonomías en recibilas. Así mesmo, destacou que se trata dunha das áreas de xestión que máis recursos públicos absorbe, dada a súa importancia.
A importancia da asistencia sanitaria e da prevención
Na súa intervención, Feijóo salientou que a sanidade pública en Galicia pódese comparar coas máis avanzadas do mundo. Así, sinalou que atende actualmente, en Atención Primaria, 100.000 consultas diarias, máis de 4.000 urxencias ao día e case dous millóns de consultas telefónicas en 2015. Nos hospitais, realizando más de 500 intervencións cirúrxicas cada xornada, e atendendo 11.400 consultas e 2.600 urxencias ao día. E, a través do Servizo de Urxencias do 061, actuando en máis de 1.100 asistencias diarias e respondendo unha media de 3.400 chamadas por xornada.
No eido da prevención, o titular do Goberno galego puxo en valor o establecemento das vías rápidas para a atención prioritaria ás enfermidades oncolóxicas, e que están activos diversos programas de cribado para prever doenzas como o cancro de colon, de mama ou distintas patoloxías en recén nacidos. Ademais, citou os plans de vacinación que, no caso do calendario infantil protexen fronte a 13 enfermidades e, no caso dos maiores de 65 anos, están centrados fundamentalmente en minimizar o impacto da gripe. E, nesta liña, indicou que foron case 1 millón de doses de vacinas as que o Sergas adquiriu en 2015.
As infraestruturas sanitarias
Do mesmo xeito, o presidente da Xunta fixo fincapé en que nada diso sería posible sen as infraestruturas, tanto a nivel de novos edificios como no relativo ao equipamento tecnolóxico. Segundo precisou, construíronse 7 novos hospitais (O CHUS, o HULA e o Álvaro Cunqueiro, ademais dos hospitais comarcais do Salnés, Barbanza, Cee e Verín); mentres que outros como o CHUAC ou o de Ourense, A Mariña e O Salnés foron sometidos a grandes obras de reforma. E multiplicouse por sete o número de centros de saúde, pasando dos 36 que había en 1990 aos 393 do ano 2015, máis 91 PAC.
No relativo ás novas tecnoloxías, sinalou que se logrou modernizar non só o equipamento de terapia e diagnose dos centros hospitalarios, por exemplo con 15 novos aceleradores liñais, 19 novos equipos de resonancia magnética nuclear, e 29 de tomografía computerizada; senón que as TIC se integraron, ademais, no eido administrativo e funcional, con avances pioneiros como a receita electrónica, a historia clínica electrónica ou a e-interconsulta entre e a Atención Primaria e a hospitalaria.
Fitos da sanidade
Feijóo apuntou tamén como un fito deste cuarto de século o feito de ter multiplicado por 3 o gasto sanitario por habitante (1.403 euros en 2015 fronte aos 525 euros do ano 1995). E, de igual xeito, o incremento rexistrado no gasto medio por persoa en medicamentos que, segundo dixo, medrou un 126% desde 1991 e se sitúa agora en algo máis de 300 euros co servizo do Catálogo de Medicamentos.
Así mesmo, o presidente da Xunta puxo en valor, como dous dos fitos máis destacables no eido da sanidade nos últimos 25 anos, a creación do Centro de Transfusión de Galicia, que hoxe é a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, e a constitución do 061.