O alcalde, Martiño Noriega; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; e o director xeral da Fundación Amancio Ortega, Óscar Ortega, asinaron esta mañá en Arteixo o convenio de colaboración para a construción dunha nova escola infantil en Compostela. O centro levantarase nunha parcela cedida polo Concello no barrio do Castiñeiriño, será financiado pola Fundación Amancio Ortega, e encargarase da súa xestión o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia.
En marzo pasado, a Xunta de Goberno acordou ceder ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar a parcela, situada no SUNP-13 do Castiñeiriño, e cunha extensión de 3.255,63 metros cadrados. Agora, o Consorcio terá que poñela a disposición da Fundación Amancio Ortega, que se encargará da redacción do proxecto, construción, equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico da nova escola infantil. Despois, pasará a mans do Consorcio, para integrala na súa rede pública de centros. O uso do inmoble deberá manterse, cando menos, por un período de 50 anos.
A escola infantil terá 6 unidades, para un máximo de 82 prazas. Segundo o convenio asinado hoxe, deberá estar rematada o 30 de marzo de 2018 e posta en funcionamento en setembro do mesmo ano.