O curso desenvolverase no CEIP de Centieiras do 12 de outubro ao 2 de novembro de 2016, de luns a venres e en horario de 19.00 a 21.00 h. O obxectivo do mesmo é preparar ao alumnado para a obtención do certificado CELGA-3.
Segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, poderán solicitar a inscrición neste curso as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria.O prazo para a presentación das solicitudes remata o vindeiro venres, 15 de xullo.
Á solicitude –que se pode descargar dende a páxina web fenecidadan.gal- xuntaráselle unha copia cotexada do DNI ou NIE da persoa solicitante e presentarase:
• Vía electrónica, sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)
• En soporte papel (presencial):
o No Rexistro Xeral do Concello de Fene (portelo único), en días laborables, de luns a venres de 8:30 a 14:00 h; sábados de 9:30 a 13:30 h.
o En calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A realización do curso preparatorio da proba para obter o certificado de lingua galega Celga 3 está suxeita a que se acade un mínimo de 15 matriculados/as no devantito curso.
A persoa que supere o Celga 3 posuirá un dominio da lingua que lle permita intervir nun conxunto variado de situacións de comunicación. As estruturas gramaticais e léxicas que utilizará proporcionaranlle a suficiente flexibilidade e capacidade para usar a lingua en situacións menos previsibles. Comprenderá textos orais e escritos de certa complexidade e distinguirá os elementos principais dos secundarios. Será capaz de producir textos comprensibles e cun grao alto de corrección normativa sobre temas diversos e tamén poderá defender un punto de vista sobre cuestións xerais, indicando os proles e os contras das distintas opcións. Poderá desenvolverse sen moitas dificultades en contextos en que o galego é lingua de traballo e interacción, polo que estará en condicións, por exemplo, de participar en cursos académicos ou en intercambios universitarios en Galicia.