Friday 22 de November de 2024

O pleno de Frades autoriza un convenio coa Xunta de Galicia para o abastecemento das parroquias de Moar e de Añá


Suporá un investimento de case 800.000 euros e “permitirán dar practicamente por rematado o abastecemento de auga no municipio”, explica o alcalde Roberto Rey

O pleno municipal de Frades aprobou esta tarde por unanimidade en sesión extraordinaria autorizar a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Frades e a Augas de Galicia para levar o abastecemento de auga ás parroquias de Moar e de Añá, así como outros dous pequenos núcleos de poboación: Campoduro (Céltigos) e Cadaval (Ledoira). Unhas obras orzamentadas polo Concello de Frades en algo máis de 775.000 euros e que contarán cunha subvención máxima de 800.000 euros.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou no pleno que despois de varias reunións coa conselleira de Medio Ambiente, “hai uns días entrevisteime co presidente de Augas de Galicia e acordamos incluir o abastecemento de Moar e de Añá nun convenio que será proximamente levado ao Consello da Xunta, posiblemente esta mesma semana”. “Temos que agradecer a boa vontade da Xunta para facer esta importante obra para os veciños e veciñas de Frades, que o Concello non podería asumir en solitario”, indicou Roberto Rey, quen apuntou que “unha vez que estea en marcha permitirá dar practicamente por rematado o abastecemento de auga en Frades”.

O alcalde explicou que Augas de Galicia financiará integramente as obras ata un máximo de 800.000 euros, que serán achegados en tres anualidades: 50.000 euros en 2016, 600.000 euros en 2017 e 150.000 euros en 2018. Así mesmo, indicou que os fondos para financiar a obra proceden na súa maior parte de Fondos Feader, así como un 17% de Augas de Galicia e outro 7,5% do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente. Deste xeito cúmprese o compromiso da conselleira Beatriz Mato durante a última reunión mantida co alcalde de Frades, na que lle adiantou a posibilidade de financiar este proxecto a tres bandas, en varias anualidades e iniciando o proxecto este mesmo 2016.

O Concello de Frades terá que poñer a disposición de Augas de Galicia todos os terreos para a execución das obras libres de gravames; obterá os permisos e licenzas precisos, sen repercutir ningún gasto sobre Augas de Galicia; e asumirá a conservación e mantemento das instalacións unha vez rematadas.

Adhesión SIX

O pleno tamén aprobou por unanimidade a adhesión do Concello de Frades ao Convenio Marco de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Galicia e as Entidades Xestoras dos Sistemas Integrados de Xestión (SIX) de Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (RAEE). Roberto Rey explicou que “esta adhesión non ten cuso para o Concello e mesmo nos permitirá poder acceder a subvencións para poder ter unha báscula para o equipamento do punto limpo, que poremos en marcha en breve”.