O Concello de Brión vén de adxudicar á empresa Jardinería Arce SL a execución das obras de instalación de pavimento continuo no parque infantil da aldea de Guitiande por un prezo de 25.157,05 euros. Unhas obras que contan cun prazo de execución de 60 días naturais, pero que estarán rematadas moito antes toda vez que os traballos xa deron comezo esta mesma mañá.
Os traballos consisten na substitución do actual pavimento, feito a base de area, por un chan continuo de caucho de cores. Trátase dun pavimento máis duradeiro, limpo, hixiénico e seguro para os numerosos nenos e nenas que utilizan estas instalacións. Un novo pavimento que xa se comezou a colocar esta mesma semana, polo que se agarda que en breve poida volver a abrirse ao público esta instalación infantil.
O Concello de Brión ten previsto investir outros 32.783 para instalar pavimento continuo noutros dous parques infantís, situados nas urbanizacións “Devesa da Gándara” e “Monte Devesa”. Uns parques que se sumarán aos dous parques municipais de Lamiño, que contan con este novo pavimento dende finais de 2014.