O acordo de hoxe é firme e pon fin á vía administrativa
O pleno municipal de Lousame celebrou hoxe luns unha sesión plenaria extraordinaria para aprobar a desestimación do recurso de reposición interposto por Millenium Insurance Company, compañía aseguradora de Aldasa SLU, contra a decisión plenaria do pasado mes de abril de incautar a garantía de 41.671 polas deficiencias cometidas por esta empresa na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105. Un acordo firme que lle será comunicado de inmediato á aseguradora e que pon fin á vía administrativa, polo que non cabe recurso algún.
O acordo de hoxe, aprobado cos 7 votos a favor de PP e BNG e coas dúas abstencións do PSOE, deixa sen efecto a petición de suspensión administrativa solicitada por Millenium Insurance Company, a quen se lle require a facer o ingreso da garantía de 41.671 euros ben na conta do Concello de Lousame, ben directamente na Tesourería municipal. Se a empresa é notificada antes do 15 de xullo, deberá abonar a garantía antes do 20 de agosto. Se a notificación chega entre o 16 e o 30 de xullo, o abono quedaría para o 5 de setembro.
Uns prazos que foron os que motivaron a celebración do pleno extraordinario xa que, canto antes se ingrese o aval, antes poderá o Concello de Lousame executar subsidiariamente as obras de reparación dos defectos atopados neste vial, orzamentados en 53.241,78 euros. Unha vez executadas as obras, o que exceda sobre o aval incautado reclamaráselle ao contratista. Isto é posible porque estes traballos, adxudicados en novembro de 2010, contaban cun prazo de 5 anos de garantía, polo que diante das deficiencias aparecidas na obra en 2015, o Concello decidiu iniciar este procedemento.
Así mesmo, a corporación acordou por unanimidade cambiar a sesión plenaria ordinaria deste mes para o próximo luns 18 de xullo, ás 20:30 horas.