A sala multiusos do Centro Cultural Lustres Rivas quedouse literalmente pequena con motivo da presentación do último libro do palmeirán Plácido Betanzos. Máis dun cento de asistentes acudiron a este acto que, ademais do propio autor, contou tamén coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz, da exdeputada pobrense Rosana Pérez, que escribiu o limiar da obra; da profesora e ilustradora Pura Villar; e do presidente de Barbantia, Suso Laíño.
Publicado por edicións Fervenza, este relato de 125 páxinas titulado “Bágoas na Chuvia” ten como temática o maltrato sufrido por unha muller a mans dun home que recorre á violencia psicolóxica e física sen a máis pequena mostra de arrepentimento.
Precisamente, en torno á situación actual da igualdade de xénero e as perspectivas de futuro xiraron as diversas intervencións que se foron sucedendo.
Plácido Betanzos agradeceu á colaboración dos concellos de Rianxo e Riveira nunha presentación que contou coa presenza de moitos dos seus veciños, como o senador José Luis Torres Colomer.