Se algún día San Sadurniño convoca prazas de policía local debería facer a selección entre a rapazada da Aldea de Verán. Dilixencia e efectividade no traballo sobraríalles e, seguramente, acabariamos sendo o Concello máis rico de toda a volta aínda que, iso si, tamén coa cidadanía máis cabreada da comarca. Verán por que. Como saberán por unha noticia anterior, este ano a Aldea de Verán segue o fío condutor das profesións e oficios, e hoxe á cativería tocoulle ser policía. Recibiron unha clase acelerada de orde pública da man dun dos gardacivís do posto de San Sadurniño, logo fixeron prácticas de regulación do tráfico nos xardíns municipais e, cara ao final da mañá, aplicaron o aprendido vixiando os vehículos mal estacionados no centro urbano. Talonario en man e investidos coa autoridade que confire unha placa de cartoliña, os nenos e nenas fartáronse a “receitar”. E vaia se receitaron. Velaí un exemplo do seu celo co cumprimento da lei: 1.100 euros por aparcar no acceso ao adro do Convento do Rosario e 3.100 por deixar o coche diante da cafetería Atrium. Case nada.
A cousa é que razón non lles faltaba na maior parte dos casos e as multas garabateadas con rotulador -aínda que ben clariñas- foron toda unha lección de civismo para a xente grande afeita a parar en calquera lado con tal de non andar.
A sesión da Aldea de Verán como corpo de seguridade iniciouse pola mañá cedo. Ao ser venres hoxe tocaban actividades compartidas co alumnado da Escola Infantil Municipal “A Rolada” e os corenta nenos e nenas do obradoiro de conciliación baixaron ata o contorno dos xardíns municipais para asistiren a un curso acelerado de seguridade cidadá.
Como mestre actuou un dos efectivos do posto da Garda Civil de San Sadurniño, que lles explicou aos cativos e cativas en que consistía a súa profesión. Unha profesión que, entre outras cuestións, atende o control do tráfico e a asistencia en accidentes que, tal e como se lles dixo, poden evitarse se se respectan os sinais, os límites de velocidade e tamén se se cumpren normas básicas cando non conducimos senón que imos andando: pasar a estrada polos pasos peonís, camiñar polas beirarrúas, atenderlle aos bonecos verdes do semáforo antes de cruzar…etc.
Foron simples recordatorios, xa que a rapazada demostrou estar ao tanto destas normas que incluso puideron practicar nun circuíto improvisado entre a casa consistorial e o edificio anexo asumindo o rol de condutores e condutoras, policías e viandantes.
Porén, tras esta práctica, veu o momento de andar á caza de persoas infractoras. E a rapazada tívoa ben lograda só con mirar cantos coches había mal aparcados. Empezaron fronte ao Concello, seguiron por diante da oficina de Abanca e a de Correos e despois deron volta para subir pola avenida Marqués de Figueroa de paso que volvían para a Casa da Cultura, cuartel xeral durante os venres da Aldea de Verán..
É sabido que o brazo da lei é longo. Pero sorprende que o sexa tanto, xa que no seu percorrido incluso se desviaron da vía principal para multar vehículos que, ao seu xuízo -inapelable, incluso con gusanitos-, obstaculizaban dalgún xeito a circulación doutros coches ou das persoas. Dúas das multas máis avultadas que puxeron foron para un coche que dificultaba o acceso ao adro do Convento do Rosario -1.100 euros- e, agárrense, para outro que se encontraba fronte de Atrium e que recibiu unha sanción exemplar: 3.100 euros. O dito, case nada.