As oficinas de Mondoñedo, Lugo, O Cebreiro e Redondela atenderon a estas persoas, nun 62,20% de procedencia nacional
Os centros de interpretación do Camiño recibiron nos primeiros seis meses do ano 26.404 visitantes, 16.423 nacionais (o 62,20%) e 9.981 estranxeiros (o 37,80%). Este é o total de persoas que pasaron por estas oficinas, situadas en Mondoñedo, en Lugo, no Cebreiro e en Redondela.
O Centro expositivo do Camiño Norte, localizado en Mondoñedo, recibiu nese período 1.930 visitantes; o Centro do Camiño Primitivo, na cidade de Lugo, rexistrou 5.605; o Centro de Interpretación do Cebreiro, na entrada en Galicia do Camiño Francés, contabilizou un total de 10.383 visitas; e o Centro do Camiño Portugués, en Redondela, recibiu 8.486 visitantes.
Os dous primeiros lugares de exposición están localizados nos itinerarios do Camiño de Santiago que foron declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en xullo do pasado ano 2015, fito que incrementou a afluencia de visitantes.
A función destes centros é ofrecer apoio, información e contidos complementarios ao peregrino para axudarlle a comprender e coñecer dende diversas ópticas o Camiño de Santiago, en xeral, e a ruta concreta na que se atopan, en particular.
Récord de peregrinos
No que vai de ano chegaron a Compostela máis de 110.000 peregrinos, preto dun 8% máis que no mesmo período do ano pasado. De feito, nos primeiros seis meses do ano xa se superaran os 100.000 peregrinos. Concretamente, o pasado día 30 de xuño chegou a Compostela o peregrino número 100.000, que foi recibido por representantes de Turismo de Galicia e da Catedral de Santiago de Compostela. Así mesmo, tamén cabe subliñar que máis dun 62% dos peregrinos que chegan a Compostela son de procedencia internacional.
Por itinerarios, o Camiño Francés continúa á cabeza no número de peregrinos recibidos, contabilizando o 64,85%, seguido do Portugués (19,17%), do Camiño do Norte (4,65%), do primitivo (3,80%), da Vía da Prata (3,79%), o Inglés (3,27%), que son os itinerarios con maior número de usuarios rexistrados.