Thursday 21 de November de 2024

O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 mobilizou xa máis de 145 millóns en gasto público para o agro


Estes fondos corresponden a instrumentos de xestión desenvolvidos pola Xunta, algúns deles xa tramitados en 2015 como anticipados de gasto e outros de tramitación ordinaria durante o ano 2016

O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 xa mobilizou máis de 145 millóns de euros en gasto público total destinado ao agro galego. Estes fondos corresponden a instrumentos de xestión desenvolvidos pola Xunta, algúns deles xa tramitados en 2015 como anticipados de gasto e outros de tramitación ordinaria durante o ano 2016. En concreto, trátase dun total de 25 ordes de convocatorias de axudas, 6 resolucións, 2 circulares, 9 convenios, 12 encomendas de xestión, 18 procedementos de contratación pública, 2 acordos e un plan marco. A través destes instrumentos foi posible mobilizar os devanditos 145 millóns de euros, dos que algo máis de 109 corresponden a financiamento Feader.

O PDR de Galicia foi aprobado oficialmente pola Comisión Europea o 18 de novembro de 2015 e nel preséntanse as prioridades da nosa comunidade no que respecta ao destino dos 1.186,4 millóns de euros de fondos públicos dispoñibles para o período 2014-2020. Deles, 889,8 millóns corresponden ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Este programa dá continuidade á política de desenvolvemento rural que ven realizando a Xunta co apoio deste fondos comunitarios Feader, máis concretamente a través do PDR 2007-2013, que finalizou a súa vixencia a finais de 2015.

Precisamente a execución deste programa foi moi elevada, acadando unha porcentaxe de preto do 94%, un nivel superior ao rexistrado noutras comunidades autónomas con plans relevantes e semellantes ao galego (de máis de 800 millóns de euros).

O PDR de Galicia 2014-2020 establece tres liñas básicas de actuación, de acordo cos obxectivos definidos pola Política Agraria Común. En primeiro lugar, fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, a incorporación de agricultores mozos, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal, promovendo a produción de alto valor engadido. En segundo termo, conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático. Por último, a terceira gran liña de traballo do PDR busca mellorar a calidade de vida da poboación rural, fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á súa fixación no territorio, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.