Saturday 16 de November de 2024

Catro de cada cinco concellos galegos permiten realizar trámites online


O 52,9% das entidades locais con sitio web contan cunha sede electrónica, experimentando un incremento de máis de 20 puntos nos dous últimos anos

Catro de cada cinco concellos permiten facer algunha tramitación telemática dos seus procedementos, 3,2 puntos máis que hai dous anos. O “Rexistro de documentos”, as “Queixas e suxestións” e a “Solicitude e obtención de certificados”, son os procedementos e trámites que están implantados en máis concellos. Ademais, o 26,9% dos concellos galegos contan cun catálogo de procedementos, e destes, o 80,2% dispón dun catálogo accesible a través da rede.
Son datos do último informe sobre a Administración electrónica nos concellos de Galicia, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (OSIMGA) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O informe avalía, cada dous anos, a situación das infraestruturas, equipamento así como o nivel de desenvolvemento da sede electrónica nos concellos, a interoperabilidade entre administracións, o uso de sistemas de certificación dixital para a identificación dos empregados públicos e cidadáns na tramitación de expedientes, etc.

Sede electrónica

O informe sinala que o 52,9% dos concellos galegos con sitio web, conta cunha sede electrónica, experimentando un incremento de máis de 20 puntos porcentuais nos dous últimos anos. Aínda que a súa implantación se está a estender en todos os concellos, independentemente do seu tamaño, os municipios de máis de 50.000 habitantes son os que rexistran a maior porcentaxe de implantación da sede electrónica cun 85,7%.

Comunicacións e participacións da cidadanía

É destacable tamén a presenza en redes sociais de máis da metade de concellos galegos (50,1%), que aumentou 7,2 puntos nos dous últimos anos. A rede social máis común nos concellos galegos é Facebook, presente en practicamente a metade dos mesmos (49,7%), seguida de Twitter (22,7%). A acción máis común de participación coa cidadanía é a posibilidade de comentar noticias publicadas polo concello na súa web, presente nun 14,6% de concellos.

O 29,5% dos concellos galegos teñen dispoñible un portal ou espazo de transparencia dentro da súa entidade. A práctica totalidade dos concellos que indicaron que non contaban con portal de transparencia sinalaron que estarían interesados en dispoñer dun portal ou espazo con estas características.

Interoperabilidade entre Administracións públicas

A posta en marcha dos procedementos telemáticos implica tamén a implantación de sistemas de interoperabilidade, que pemiten o intercambio de datos entre administracións, o que evita a cidadanía presentar documentación que xa obra en poder delas. A Administración autonómica conta cunha plataforma de interoperabilidae, Pasaxe!, á que se poden adherir os municipios galegos e que evita xa ter que presentar ata 36 tipos de certificados (de familia numerosa, de discpacidade, DNI…)

No último ano, o 8% dos concellos suprimiu a obriga de aportar algúns documentos (DNI, certificacións de obrigacións tributarias [AEAT, Seguridade Social], familia numerosa, discapacidade, inscrición en rexistros, etc.); e o 20,6% dos concellos substituíron por declaracións responsables algúns documentos a achegar (certificación de conta bancaria, poderes de representación, etc.).

Máis da metade dos concellos (50,5%) mantiveron un intercambio de datos con outras AAPP, mediante a recepción de documentos con certificados electrónicos. En canto ao acceso dos concellos aos sistemas de información doutras AAPP para realizar algunha consulta, observamos que o 77,6% dos mesmos realizaron nalgún momento esta acción, e un 42,1% conta con procedementos integrados electronicamente cos sistemas informáticos doutras Administracións Públicas

Aplicacións informáticas e propostas de actuación

No 2015 o “Padrón de habitantes” e a “Contabilidade”, cun 99,6% e 98,3% respectivamente, convertéronse nas aplicación máis habituais nos concellos galegos. A totalidade de concellos contan con algunha aplicación de xestión interna, aínda que son os concellos de máis de 50.000 habitantes os que contan cunha maior porcentaxe de dispoñibilidade.

A falta de recursos económicos, cun 24,4% dos concellos galegos, seguida da falta de formación cun 19,6%, son as dous principais barreiras coas que se atopan os concellos de Galicia á hora de optimizar a Administración electrónica.

A “Xestión de expedientes/tramitación electrónica (backoffice)”, é sinalada polos concellos como actividade prioritaria a optimizar, seguida da Xestión de dixitalización, xestión documental, arquivo electrónico, custodia.

Pode consultarse o informe completo elaborado polo OSIMGA na sección de documentos de: http://www.osimga.org