Saturday 16 de November de 2024

O Museo do Gravado expón 32 obras da artista burgalesa Concha Saéz


A creadora estivo onte en Artes no acto de apertura

O Museo do Gravado de Artes acolle dende a tarde de onte unha nova exposición titulada “32bits_memoria_grafica”, da artista burgalesa Concha Sáez.

Con motivo da apertura da mostra estiveron presentes na instalación localizada no lugar de Outeiro o presidente e o vicepresidente da fundación xestora, Manuel Ruiz e Javier Expósito; Laura García como responsable do museo; a propia artista e outros acompañantes.

Sáez seleccionou 32 obras representativas da súa, repartidas en oito temáticas: Enerxías, Presenzas, Diálogos, Silencios, Lugares e territorios, Ecos e aparicións, Armazóns humanas e Paisaxes soñadas. Segundo explicou a artista durante o percorrido pola sala, o concepto bit ten un dobre sentido que alude tanto á mirada do espectador que acende e apaga cada imaxe, asociando, relacionando e transformando o seu significado, como ao inventario da memoria dese mesmo espectador.

Na súa confección aplicáronse técnicas de gravado calcográfico, serigrafía con procesado dixital de pantallas, e impresións dixitais a partir de debuxos manipulados. A exposición poderá verse ao longo do verán.

Licenciada en pintura e gravado pola Facultade de Belas Artes de Madid e doutora en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, Concha Sáez del Álamo é profesora titular da Universidade na Facultade de Belas Artes de Salamanca e imparte docencia na disciplina de Gravado. Tamén é membro fundador do Instituto Universitario de Investigación en Arte e Tecnoloxías da Animación e directora do Departamento de Historia da Arte-Belas Artes da Universidad de Salamanca.

Convenio
Por outra parte, o acto serviu tamén para formalizar o convenio de colaboración entre a Fundación Museo de Artes e o Concello nos termos aprobados por unanimidade no último pleno ordinario da Corporación Municipal.

Así, este acordo ten unha vixencia de 10 anos durante os cales o ente local materializará o apoio ao museo a través de outras tantas achegas anuais de 45.000 euros.

Pola súa parte, a fundación museística comprométese entre outros obxectivos a deseñar e celebrar un programa de visitas guiadas integradas na oferta cultural do Concello, ceder o uso da instalación para a organización daqueles eventos que se considere oportunos ou incluír na súa publicidade a imaxe corporativa do Concello.