Friday 22 de November de 2024

Riveira conmemorará este domingo unha nova edición do Día de San Cristóbal


Este domingo 7 de xullo terá lugar na cidade de San Cristóbal o Día de San Cristóbal, patrón dos condutores: unha celebración que durante moitos anos gozou dunha multitudinaria participación e que agora está sendo revitalizada froito do empeño da asociación Alfaia, a parroquia de Santa Uxía e o Concello.

Para presentar o evento compareceron representantes destas tres entidades: o párroco Cesáreo Canabal; Puri Cores e Josefa Cores no nome da asociación local e Herminia Pouso como concelleira riveirense.

A cita arrancará ás 10 horas co disparo de 12 bombas de palenque para anunciar a festividade e, a continuación, o grupo de Gaitas O Rueiro dos Fillos de Palmeira realizará unha alborada polas principais rúas.

Ás 12.30 horas terá lugar un dos principais acontecementos do día: unha Misa Solemne cantada pola Coral Polifónica Municipal de Riveira na que se recordará ás vítimas de accidentes de tráfico. Acto seguido, o disparo dunha batería de bombas convidará aos veciños a participar neste singular procesión, que iniciará o seu percorrido na Porta do Sol para proseguir pola rúa Galicia, Romero Ortiz, rotonda da Estación de Autobuses e recheo do Malecón, espazo no que serán bendicidos os vehículos participantes.

A comitiva despedirase cunha pequena actuación do grupo de gaitas O Rueiro, regresando a continuación a procesión á Porta do Sol tras pasar polo Malecón, García Bayón, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez e Rosalía de Castro.

Todos os participantes na presentación fixeron unha exhaustiva chamada aos veciños para que acudan a esta celebración na honra dos condutores.