O Grupo Teatrando estreará ás 20:30 horas a peza “Unha, dúas, cámara e… acción”
O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acollerá este sábado 9 de xullo tres actividades abertas a toda a veciñanza: un concerto didáctico e a audición de fin de curso da Escola Municipal de Música de Lousame, a partir das 11:00 horas, e o debut do grupo infantil de teatro de Lousame, a partir das 20:30 horas. As tres actividades son de acceso libre e de balde.
Así, a partir das 11:00 horas, sesenta alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Lousame participarán na audición de fin de curso, na que están programadas dez actuacións. Comezarán os máis pequenos, da Aula de Música e Movemento, seguidos da aula de piano e os ensembles de frautas, clarinetes, saxofóns, trompas, trombóns, vento-metal e guitarras. Pechará a audición o combo de percusión. Unha vez rematada a audición, o Dúo Nocturne ofrecerá un breve concerto didáctico, titulado “Imagine”, que xirará en torno á figura de John Lennon, con arranxos de Fernando Froján.
E pola tarde, a partir das 20:30 horas, os nenos e nenas do obradoiro de teatro do CEIP Cernadas de Castro farán o seu debut coa peza “Unha, dúas, cámara e… acción”, escrita e dirixida por Adriana Castro, con Vanesa Tubío como axudante de dirección. Unha actuación organizada pola ANPA Alecrín e Mya Animación, coa colaboración do Concello de Lousame.