Afirma que nun contexto no que existe unha certa tendencia á disgregación e ao cuestionamento dos proxectos comúns, este grupo de “pingüirinos” demostraron que a forza segue a estar baseada na unión
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que, coa primeira peregrinación da Antártida a Santiago, hoxe pode afirmarse “con propiedade” e “por primeira vez na historia” que “todos os camiños conducen a Compostela”.
Así o sinalaba o máximo responsable autonómico no acto celebrado na capital galega con motivo da fin da peregrinación desde a Antártida na que participaron membros da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, membros do Instituto Xeográfico Nacional, científicos antárticos, militares da dotación do Buque de Investigación Oceanográfica ‘Hespérides’ e da XXIX Campaña Antártica do Exército de Terra.
Alí, Feijóo destacou que, nun contexto no que existe unha certa tendencia á disgregación e ao cuestionamento dos proxectos comúns, este grupo de “pingüirinos” demostraron que a forza segue a estar baseada na unión.
A este respecto, e establecendo un paralelismo, salientou que, se na Antártida, “esa utopía existente”, traballan unhas nacións unidas polo afán de investigación e progreso, “en Compostela uníronse as nacións para prefigurar esta Europa que nos fai máis libres e fortes”.
Con respecto a isto, Feijóo tamén fixo referencia a ensinanza que se pode extraer da historia, asegurando que a liberdade, a democracia e a convivencia teñen un prezo en forma de seguridade. E España, proseguiu, “é un país libre porque ten garantida a súa seguridade grazas a un militares capacitados e entregados ao seu deber”.
O presidente da Xunta tamén indicou que a lonxanía xeográfica non impide que haxa un achegamento profundo a unha terra inhóspita, avistada antes que ninguén polo navegante español Gabriel de Castilla, que se ten convertido “nun exemplo de cooperación internacional”, dixo.
Por último, Feijóo agradeceu a todos os participantes no proxecto desta peregrinación “por traernos desde a Antártida o voso compromiso e a vosa determinación”. Así como tamén amosou o seu agradecemento ás máis de 300 Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, pola súa contribución á difusión e prestixio das distintas Rutas Xacobeas. Esta colaboración, indicou, tradúcese na chegada crecente e incesante de peregrinos.