O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor visitou o concello de Noia para coñecer os seus servizos de protección civil
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor visitou o concello de Noia, foi recibido polo alcalde, José Santiago Freire e o conselleiro de Seguridade da vila, para coñecer a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e o servizo municipal de protección civil de Noia, onde recoñeceu o labor altruísta e solidario dos voluntarios de protección civil.
Dende o Goberno galego apóiase o labor do voluntariado de protección civil, en tema como a formación, equipamento e axudas económicas para o funcionamento das AVPC. No 2015 iniciouse unha campaña de motivación do voluntariado que ten coma obxectivos principais pór en valor o labor de todo o persoal voluntario de protección civil que na actualidade forman parte das diferentes AVPC en Galicia, ademais de potenciar este voluntariado nos concellos que aínda non dispoñen destas agrupacións de voluntarios.
A Xunta de Galicia fixo no ano anterior un esforzo importante no aporte de medios de emerxencias aos concellos para a súa utilización tanto polas AVPC como polos servizos de emerxencias municipais. Na provincia de A Coruña no 2015 distribuíronse equipamentos por valor de 1.848.740 euros, entre o diverso material cabe destacar os vehículos pick up, furgóns de loxística, remolques con carpas, e equipos de excarceración, entre outros.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Noia é unha das máis antigas de Galicia, foi rexistrada no ano 1992 co número 14, e dende entón continúa a súa labor ininterrumpidamente na prevención e intervención de emerxencias, tanto no seu entorno municipal como axudando aos concellos limítrofes.
O sistema de Protección Civil é un servizo público no que participan as diferentes administracións públicas, así como os cidadáns na prestación da súa colaboración voluntaria. A Lei de Emerxencias de Galicia manifesta que o sistema integrado de Protección Civil estará formado tanto por persoal de carácter profesional coma por voluntarios e ten como finalidade a protección das persoas, dos bens e do medio ambiente.
Actualmente, Galicia conta con 220 agrupacións AVPC, das que 73 están na provincia da Coruña, 37 en Lugo, 65 en Ourense e 45 en Pontevedra.