Friday 22 de November de 2024

Feijóo anuncia a posta en marcha do Programa Reforma 16, que permitirá aforrar a 5.000 fogares galegos ata 1.000 € do importe da renovación do equipamento das súas cociñas e baños


“Estará dotado con preto de 3 millóns de euros e xerará investimentos por valor de 30 millóns de euros“ di o presidente

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a posta en marcha do Programa Reforma 16, que permitirá aforrar a 5.000 fogares galegos ata 1.000 euros do importe da renovación do equipamento das súas cociñas e baños.

Un paquete de axudas co que o Goberno galego pretende cumprir un triplo compromiso, apoiar ás familiar no acondicionamento das súas vivendas, promover a eficiencia enerxética dos edificios galegos e impulsar sectores produtivos estratéxicos vinculados ao sector da construción, da reforma e a rehabilitación.

Así, o Programa Reforma 16, que incentivará a renovación de todo tipo de equipamentos de cociña e baño, excepto electrodomésticos, incluíndo o mobiliario, os materiais de construción e os elementos de fontanería, estará dotado con preto de 3 millóns de euros e xerará investimentos por valor de 30 millóns de euros. “Concretamente,14 millóns en ventas directas de material e 16 millóns en actividade de instalación e execución das obras”, engadiu.

O Igape, explicou, financiará ata o 20% da compra realizada polos cidadáns, cun límite de entre 200 e 1.000 euros por persoa e domicilio particular e a entidade colaboradora realizará un desconto equivalente, co que a rebaixa global se aproximará ao 40%.

O titular da Xunta lembrou que, deste xeito o Goberno galego reforza a súa aposta por un programa que o ano pasado beneficiou a 3.000 fogares galegos, coa participación de 380 establecementos de materiais de construción e mobilizou máis de 20 millóns de euros. Entre 2015 e este ano, preto de 8.000 se terán beneficiado deste tipo de axudas, dixo.