Saturday 16 de November de 2024

Feijóo salienta que a Memoria Dixital de Galicia contribuirá a mellorar a accesibilidade e a conservación do patrimonio cultural galego


Explica que a Memoria Dixital de Galicia implicará a todos os axentes que xestionan o noso patrimonio cultural, tanto a Administración como as entidades públicas e privadas, que se denominarán Institucións da Memoria

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a Memoria Dixital de Galicia, cuxa construción aprobou esta mañá o Consello da Xunta, contribuirá a mellorar a accesibilidade e a conservación do patrimonio cultural galego. Segundo dixo na rolda de prensa posterior á xuntanza, arranca así un proceso fundamental para a cultura galega que busca dixitalizar o patrimonio material e inmaterial da Comunidade e crear un fondo que se albergará no Gaiás.

Feijóo explicou que a Memoria Dixital de Galicia implicará todos os axentes que xestionan o noso patrimonio cultural, tanto a Administración como as entidades públicas e privadas, que se denominarán Institucións da Memoria. Ademais, o proxecto, que conta cun orzamento público de 9,1 millóns de euros, impulsará o xurdimento de novos servizos e contidos para a industria e o turismo cultural, e aumentará o potencial do patrimonio para actividades de investigación.

Innovación tecnolóxica e xestión do patrimonio
O titular da Xunta indicou que a estratexia para a construción da Memoria Dixital de Galicia aséntase en catro iniciativas que xa están en marcha. A primeira delas, o Arquivo Electrónico Patrimonial, que ten como obxectivo a xestión do patrimonio documental galego e que desde outubro estará dispoñible a través dun portal web. A segunda é unha convocatoria de axudas para dixitalizar fondos do patrimonio cultural, que se fará pública nos vindeiros meses cun orzamento de 800.000 euros.

No que respecta á terceira, é a Biblioteca Dixital de Galicia (Galiciana), que conta xa con máis de 1,7 millóns de páxinas e 175.000 obxectos dixitalizados procedentes de arquivos, museos, bibliotecas e outras coleccións. Esta será, tamén, a canle de difusión do noso patrimonio cara ás redes transnacionais. E a cuarta iniciativa que sustentará a Memoria Dixital serán todas as actuacións relativas á toponimia, como o portal da toponimia galega, que entrará en funcionamento en outubro e que irá incorporando progresivamente a microtoponimia.

Feijóo sinalou que a Memoria Dixital de Galicia aplicará a innovación tecnolóxica á xestión do patrimonio e da actividade cultural. Por exemplo, empregarase información xeográfica para xeorreferenciar os elementos do patrimonio cultural e inmaterial, así como técnicas de dixitalización en 2D e 3D, Big Data e solucións de mobilidade e realidade aumentada.

Por último, avanzou que esta iniciativa será presentada en xullo ás principais Institucións da Memoria, abrindo un proceso “minucioso, longo e difícil” que porá a nosa cultura a disposición de todas as culturas do mundo nun prazo de cinco anos. “Trátase do proxecto mais importante en relación á cultura e ás tecnoloxías da nosa historia”, concluíu.