Friday 22 de November de 2024

A Xunta mobilizará máis de 5 millóns de euros para estender as redes ultrarrápidas en 81 polígonos industriais máis e acadar o 93% da superficie empresarial ocupada


A previsión é iniciar os despregamentos este ano en 17 polígonos; en 2017, noutros 30; e en 2018, nos 34 restantes

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na rolda de prensa do Consello, que a Xunta vai mobilizar un investimento de 5 millóns de euros para estender as redes ultrarrápidas en 81 polígonos industrias máis, o que supón acadar o 79% dos polígonos galegos, que concentran case o 93% da superficie empresarial ocupada.

Segundo detallou Feijóo sobre este acordo aprobado hoxe no Consello, a Xunta investirá 3,4 millóns de euros para que o operador correspondente despregue redes ultrarrápidas naquelas superficies industriais que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. Este investimento, dixo, mobilizará en total 5,2 millóns de euros e estenderase durante o período 2016-2018.

Na súa intervención concretou que a oferta do operador que se impuxo na convocatoria publicada o pasado mes de abril permitirá garantir o acceso a este tipo de redes en 81 polígonos industriais; é dicir, 31 máis que o mínimo establecido na convocatoria, polo que un total de 130, case o 93% da superficie empresarial ocupada, disporá de acceso a redes ultrarrápidas a partir de 2018.

A previsión é iniciar os despregamentos este ano en 17 polígonos; en 2017, noutros 30; e en 2018, nos 34 restantes. O resto de polígonos cubriranse nas seguintes actuacións previstas no Plan de Banda Larga, que se estende ata 2020.

O mandatario galego precisou que os 81 polígonos obxectivo desta actuación terán acceso a este tipo de redes a través de fibra óptica cunhas velocidades mesmo superiores de ata 350 Mbps de baixada e 35 de subida, e cunha garantía de caudal do 80% sen límite de descargas.

Universalizar a banda larga en Galicia
Na súa intervención, Feijóo reiterou os obxectivos do Plan de Banda Larga 2020. Entre eles, estender as redes de 100 Mbps ata acadar case 1,7 millóns de habitantes (o 60% da poboación de Galicia), e o 55% dos polígonos con cobertura de redes de nova xeración. Tamén, estender as redes de 30 Mbps ata acadar case 2,6 millóns de habitantes (o 96% da poboación) e o 100% dos polígonos con cobertura de 30 Mbps. E, por último, universalizar a banda larga de 30 Mbps mediante a posta en marcha de subvencións para a contratación de banda larga vía satélite naquelas zonas máis illadas ás que non cheguen as redes (obxectivo do 4% da poboación restante).

O presidente galego engadiu que para cumprir este fin, o Plan de banda larga mobilizará 46 millóns de euros entre financiamento público e privado. Un orzamento ao que se engade o investimento previsto polo Estado de 44 millóns de euros que, xunto co investimento privado inducido por esta medida, suporán máis de 100 millóns de euros en cinco anos para o impulso e o despregue das redes ultrarrápidas en Galicia.