Quen se achegue a partir de hoxe ao Consistorio poderá contemplar unha nova exposición dentro da iniciativa do Executivo de que a “casa de todos” sirva tamén como un novo espazo divulgativo do talento creativo do noso tecido artístico e da comunidade riveirense en xeral.
Nesta ocasión, a escalinata central e o primeiro andar están decoradas cun total de 40 obras froito do obradoiro de artes plásticas que Fernando Yáñez estivo a impartir este ano no marco do Programa Municipal de Dinamización Social para os nosos Maiores que impulsa a Concellería de Servizos Sociais, que dirixe a edil Esther Patiño.
Entre as obras expostas destaca un gran mural no que con moita arte se recrea “A Creación de Adán” de Miguel Anxo.
Cómpre lembrar que a primeira mostra realizada na Casa Consistorial foi “O Mundo Máxico de Antón”, con debuxos do neno autista Antón Romero Piñeiro.